Tras un ano cancelado pola pandemia do coronavirus, o carnal regresa ás rúas de Baiona mañá sábado. No popular desfile de comparsas participarán once agrupacións.
Deste xeito, o Concello de Baiona será un dos primeiros en levar a cabo esta celebración. O concurso de comparsas de Entroido terá saída ás 18:00 horas desde a Avenida Urbana de Sabarís e percorrerán as rúas Santa Marta, Monterreal e Elduayen para terminar no Paseo Ribeira. O desfile irá acompañado do grupo de batucada “Bate no Cobre”. Acto seguido terá lugar o tradicional enterro da sardiña que partirá da Praza do Concello para facer un percorrido polas rúas da Vila até a Praia Ribeira, onde se celebrará o enterro. Todo iso acompañado pola música da Charanga “Va K Pinta”.
Unha vez terminados os actos procederase á entrega de premios ás comparsas gañadoras, tras a deliberación do xurado.
O Concello de Baiona repartirá 6.500 euros entre as comparsas participantes distribuidos entre os seguintes premios: 1º premio 900 euros; 2º premio 650 euros, 3ª premio 500 euros, 4º premios 400 euros e 5ªpremio 300 euros. O resto do montante repartirase entre as comparsas participantes no desfile e distribuirase en función do número de compoñentes.
O Concello de Baiona decidiu adiantar unha semana a celebración do Entroido. Aínda que a data oficial será o último fin de semana de febreiro, desde a Concellaría de Cultura decidiuse adiantalo sete días para que a súa celebración non estea tan próxima a a festa máis popular da vila, a Arribada, que este ano se celebrará o 4, 5 e 6 de marzo, e que tamén encherá de fantasía, neste caso medieval, as rúas da localidade.
– Corte de Tráfico da PO-552 polo Desfile de Comparsas de Baiona
O Concello de Baiona, a través da Xefatura da Policía Local de Baiona, vai realizar un corte de tráfico progresivo e desvíos este sábado 19 de febreiro en xornada de tarde con motivo do Desfile de Comparsas de Entroido de Baiona. O primeiro dos cortes producirase desde as 15:30h no carril dirección Vigo da Avenida Urbana de Sabarís até as 17:45 cando o tráfico quedará totalmente cortado desde a rotonda da autoestrada en Sabarís (PO-552 Km. 14.500) até a rotonda da Vila Rosa (PO-552 Km 17) até o final do desfile, que se estima sobre as 20:00h. O tráfico, durante o corte, será desviado por vías alternativas e pola circulación AG-57.
Realizado por: Marta González Pérez
Técnica de Comunicación
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal