O Concello de Baiona adianta unha semana a celebración do Entroido. Aínda que a data oficial será a penúltima fin de semana de febreiro, desde a Concellería de Cultura decidiuse adiantalo sete días para que a súa celebración non estea tan próxima á festa máis popular da vila, a Arribada, que este ano se celebrará o 3, 4 e 5 de marzo, e que tamén encherá de fantasía, neste caso medieval, as rúas da localidade.
Deste xeito, o Concello de Baiona será unha dos primeiros en levar a cabo esta celebración. O concurso de comparsas de Entroido terá lugar o sábado 11 de febreiro de 2023, con saída ás 17:00 horas desde a Avenida Urbana de Sabarís e percorrerán as rúas Santa Marta, Monterreal e Elduayen para terminar no Paseo Ribeira. Tras o desfile, terá lugar o tracional enterro da sardiña. Así mesmo, a Asociación de Empresarios e Comerciantes de Baiona (ACEBA) e o consistorio, complementarán esta celebración con distintas actividades durante a fin de semana.
O Concello de Baiona repartirá 6.500 euros entre as comparsas participantes distribuídos entre os seguintes premios: 1º premio 900 euros; 2º premio 650 euros, 3ª premio 500 euros, 4º premio 400 euros e 5º premio 300 euros. O resto do montante repartirase entre as comparsas participantes no desfile e distribuirase en función do número de compoñentes.
Entre os requisitos para participar no concurso de comparsas de Entroido do Concello de Baiona atópanse: Cada comparsa terá que estar composta por un mínimo de 12 persoas; participar no desfile organizado o sábado 11 de febreiro de 2023 así como participar no Enterro da Sardiña que terá lugar o mesmo día, a continuación do desfile, cun mínimo de 10 compoñentes por comparsa . As comparsas que incumpran este requisito, serán penalizadas cun desconto do 20% sobre a cantidade que lle corresponda.
Para participar no concurso de comparsas é preciso achegar a seguinte documentación:
– Solicitude de inscrición segundo modelo no que debe figurar o nome da comparsa, número de membros que a compoñen, (o número máximo que se terá en conta é o que figure na solicitude, salvo que o número de participantes que figure na acta do desfile sexa considerablemente menor). Nome, DNI, dirección e teléfono do/da representante (de non ser unha asociación constituída) e Nome, CIF, dirección e teléfono no caso de ser unha asociación legalmente constituída.
– Copia do CIF da Asociación ou DNI dun representante da comparsa no caso de grupos informais.
– Certificado de conta bancaria da Asociación ou dun representante da comparsa no caso de grupos informais.
– Declaración responsable de atoparse ao corrente no cumprimento dos deberes tributarios estatal, autonómica, seguridade social, Oral e co Concello de Baiona.
As comparsas interesadas,en participar no Concurso de Entroido do Concello de Baiona poden presentar a solicitude oficial no rexistro xeral do concello ou a través da sede electrónica http://baiona.sedelectronica.gal , sempre que sexan unha asociación legalmente constituída.
A solicitude pode realizarse desde hoxe, 31 de xaneiro, ata o 9 de febreiro, ambos inclusive.
A continuación, pode descargarse a documentación de solicitude:
Solicitude Participación Certame Comparsas 2023
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal