A II edición do BLUE ATLANTIC FORUM remata este venres no Parador de Baiona, tras tres xornadas de reflexión centradas en sectores de vital importancia na economía azul e claves para o desenvolvemento sostible de Galicia: a pesca e a acuicultura, a biotecnoloxía mariña e o turismo costeiro.
Na segunda sesión do foro, este xoves falouse de biotecnoloxía mariña e das súas aplicacións no control de toxinas e contaminantes. Un sector emerxente e con grandes oportunidades para a economía galega, con mais de 150 empresas, e sendo a única comunidade con estratexia propia para o sector, segundo salientou o moderador da xornada Julio Martínez, Project Manager de Bioga, o cluster tecnolóxico empresarial das ciencias da vida de Galicia. Empresas como Cifga, un laboratorio de biotoxinas ubicado en Lugo adicado ao cultivo de microalgas e hongos para a extracción de compostos naturais, ou entidades como Anfaco desde a sua área de biotecnoloxía e saúde, presentaron o traballo que realizan no sector.
No Blue Atlantic Forum debatiuse sobre o potencial das rías galegas neste eido, coa presenza de diversos exemplos de aplicacións na vida cotiá, e innovación no sector, como o primeiro abono orgánico a partir de cuncha de mexilón con poder encalante presentado por Ecocelta, ou o proxecto de Bio Marine Oil, unha start-up biolóxica que traballa para convertir residuos e descartes mariños en aditivos útiles para empresas de acuicultura.
O turismo de costa, do que Galicia é un referente azul grazas á súa peculiar hidrografía e espectaculares paisaxes, é o protagonista da xornada de clausura do foro. Varios expertos aportarán a súa visión para facer máis atractivos os destinos costeiros, innovando mantendo a sustentabilidade e debatendo se a sobreexplotación dalgúns destinos xa é un fenómeno irremediable.
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal