O Salón de plenos do Concello de Baiona acolleu esta mañá a rolda de prensa de presentación da campaña “Eu hoxe non cociño”.
O Concello de Baiona participa na posta en marcha desta proposta xunto coa Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA) e o Mercado Praza de Abastos de Baiona.
A campaña ten por obxectivo dar a coñecer de forma xeneralizada e constante a oferta “take away” dos pratos cociñados nos locais de hostalaría da vila. Un total de 15 establecementos sumáronse a esta iniciativa: Ecoadega Cociña Mercado, A taberna de Azafrán, Asador María Eugenia, Bocatería Baioca, Queimada Gastrobar, A Crep, Mesón Jamonería Fidalgo, Recuncho Mariñeiro, Panadaría Yajoma, Restaurante A Colexiata, Restaurante Balneario, Central Park Baiona, Nova Tapería a Avoa, Bar O Parque e Restaurante Rocamar.
Todos estes establecementos traballan con códigos QR a través dos cales os veciños e veciñas interesados en solicitar pedidos poidan coñecer a carta de cada un deles.
Así mesmo, todos aqueloutros establecementos de hostalaría que se queiran sumar a esta iniciativa poderán facelo póndose en contacto co Concelleiro de Comercio do Concello de Baiona, Víctor Muñoz Encinas, escribindo un email cos seus datos a: concellería.comercio@baiona.gal
O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, mostra o seu total apoio ao sector hostaleiro, un dos máis castigados pola crise económica e social derivada da Covid-19: “Como alcalde mostro o meu apoio incondicional ao sector hostaleiro nun dos momentos máis difícil. O Concello de Baiona comprometeuse con esta campaña tan importante para dinamizar a economía da hostalaría do noso municipio” . O rexedor quere agradecer o labor realizado por ACEBA e polo Mercado Praza de Abastos de Baiona.
Gómez anima aos veciños e veciñas para que tamén apoien aos restauradores facendo pedidos.
Desde ACEBA sinalan que “Motivados pola evolución da crise Covid19, tratamos de crear un “escaparate” no cal restaurantes, taperías, etc, que desexasen publicitar a súa oferta “take away” puidesen adherirse e chegar de forma conxunta a un maior abanico de público obxectivo. Ademais das súas propias accións comerciais, paralelamente, poderán difundir a súa oferta, co fin de que a variedade de propostas culinarias da nosa localidade, animen á clientela a pedir os seus pratos e menús preparados de forma repetitiva e habituándoos a unha nova forma de consumo. A campaña vai encamiñada a manter na medida do que se poida o consumo nos nosos locais, xa sexa dunha forma presencial ou en domicilio do propio cliente”.
Na rolda de prensa de presentación da iniciativa participaron o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, o Presidente de ACEBA, Marcos Comesaña, o Primeiro Tenente de Alcalde e concelleiro de vías e obras, iluminación pública e seguridade cidadá, Óscar Martínez Álvarez e o concelleiro de urbanimo, comercio e mercados, Víctor Muñoz Aciñeiras. Tamén Carlos Quintás, vicepresidente de ACEBA, e Fernando Quevedo, en representación do Mercado Praza de Abastos de Baiona e tamén directivo da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona.
Gabinete de Prensa Concello de Baiona
Realizado por: Marta González Pérez
Técnica de Comunicación
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal