
Existe unha festa referente do verán de Baiona e esa cita ineludible é a celebración da festa en honra á Virxe da Anunciada, que se celebrará o 2, 3, 4 e 5 de agosto.
O Concello de Baiona iniciou os preparativos para celebrar unha das festas máis esperadas na Vila. Por este motivo a concellería de Festexos e a concellería de Actividades Marítimas informa de que ata o 2 de agosto estará aberto o período de inscricións para poder participar na comparsa de Xigantes e Cabezudos e nos tradicionais xogos de cucañas marítimas.
A comparsa de Xigantes e Cabezudos desfilará polas rúas do Centro histórico o sábado 3 e domingo 4 de agosto. Poderá participar calquera persoa maior de idade e os maiores de 12 anos con autorización.
A comparsa estará composta por dez cabezudos (A Ratiña, Popeye, Diaño, Napoleón, Negro, Negra, Pallaso cabeza grande e o Pallaso de cabeza pequena, o Gato cabeza pequena e a Bruxa cabeza pequena) e dous Xigantes (Rei e Raíña), que bailarán ao son da música durante o percorrido polo casco antigo de Baiona. Establécese dous premios, Cabezudo (30 euros) e Xigante (150 euros).
As inscricións formalizaranse por rexistro de entrada no Concello de Baiona ou na sede electrónica do mesmo ata o 2 de agosto de 2024 ás 13:00h. Os participantes deberán cubrir a ficha de inscrición e acompañar a fotocopia do D.N.I ou Libro de Familia, fotocopia da tarxeta sanitaria, autorización paterna asinada por ambos os proxenitores en caso dos menores de 18 anos e maiores de 12 anos, certificación bancaria e autorización do titor legal en caso dos menores de idade. (Establécese como idade mínima de participación os 12 anos cumpridos).
Por outra banda, as cucañas marítimas de Baiona organízanse anualmente o primeiro domingo do mes de agosto, dentro da programación da Festa da Anunciada, que este ano coincide o día 4 de agosto, ás 17:00 horas, no porto pesqueiro. Neste caso tamén poderán participar os maiores de 12 anos con autorización e calquera persoa maior de idade. Establécense dous premios: Bandeira normal (10 euros) e Bandeira especial (20 euros). Como novidade, este ano a Asociación de Comerciantes e Empresario de Baiona colaborará patrocinando esta tradicional actividade da vila mariñeira.
A continuación, pode descargar a documentación necesaria para formalizar a inscrición:
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal





