
Dentro do Programa de Vixilancia Sanitaria das Zonas de Baño da Xunta de Galicia, recibíronse nesta data os resultados dos controis analíticos realizados nas praias da Ladeira e Santa Marta, que determinan, de forma preventiva, a prohibición temporal do baño en ambas as zonas ata a realización dun novo control que permita avaliar a súa evolución.
Esta medida afecta exclusivamente o baño, sen que se vexa condicionado o funcionamento do resto de servizos dispoñibles nas praias.
Durante este período permanecerá izada a Bandeira Vermella en ambas as praias. Así mesmo, informouse a Protección Civil, ao servizo de socorrismo e á Policía Local para colaborar no seguimento e cumprimento desta medida.
Desde a Concesionaria do Servizo de Saneamento e o persoal municipal están a levarse a cabo as actuacións necesarias para identificar a orixe desta situación e adoptar as medidas oportunas para a súa resolución no menor prazo posible.
O Concello pide desculpas e agradece a comprensión de veciños e visitantes ante esta circunstancia e lembra que esta actuación responde o compromiso de garantir a seguridade e o benestar de todas as persoas usuarias das praias.
Concello de Baiona





