O alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, presidiu a Mesa de Comercio Local celebrada hoxe, na que participaron o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén Castro; o concelleiro da área, José Manuel Rodríguez Fernández; representantes da Asociación de Empresarios e Comerciantes de Baiona (ACEBA) e da Asociación Baiapraza de comerciantes da praza de abastos de Baiona.
No encontro informouse a ambas as asociacións das subvencións ao amparo de diversas ordes da orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Tamén serviu para coñecer de primeira man as súas demandas e necesidades profesionais e coñecer as inquietudes do sector comercial en Baiona.
O rexedor baionés destaca que a intención do consistorio é abrir novas liñas de comunicación entre o sector e a institución, “co obxectivo de orixinar sinerxías que permitan consolidar unha estratexia común enfocada a fortalecer e apoiar ao sector comercial de Baiona”.
O alcalde sinala que a celebración deste tipo de encontros permite implementar políticas máis efectivas e continuistas, “con accións adaptadas a cubrir as necesidades concretas das empresas do noso municipio, pois a fortaleza do tecido socioeconómico de Baiona debe partir da unión e o consenso de todos os axentes políticos, económicos e sociais implicados”.
Gabriel Alén destacou o papel fundamental destas mesas como foros de cooperación, debate e participación entre a administración autonómica, local e os axentes representativos do tecido comercial, na mesma liña de colaboración e escoita activa do proceso aberto actualmente pola Xunta para recoller as achegas de todo o sector de cara á elaboración do Plan Estratéxico do Comercio.
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal