
Trátase dunha iniciativa que pretende dar visibilidade e respaldo ao comercio de proximidade nun contexto especialmente complexo para o sector.
A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA), entidade sen ánimo de lucro, coa colaboración da Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, así como do Concello de Baiona, organiza unha nova edición de Baiona en Vela – Edición Primavera, que se celebrará os días 7 e 8 de xuño na rúa Carabela La Pinta.
O principal labor da iniciativa consiste en apoiar ao pequeno comercio, ofrecendo aos establecementos a posibilidade de sacar á rúa o seu excedente de stock para incentivar as vendas e dinamizar a economía da Vila.
Durante a celebración do mercado contarase coa actuación do grupo Pandereteiras de Monteboi, que amenizará a xornada con música tradicional galega, achegando un toque cultural e festivo ao evento. A edición de primavera de Baiona en Vela coincidirá coa celebración do evento internacional GALICIA 52 SUPER SERIES ROYAL CUP, o que permitirá aproveitar a notable afluencia de visitantes prevista durante esa fin de semana.
Debido a este evento produciranse cortes de tráfico na rúa Carabela La Pinta que duran desde a tarde do venres 6 ao luns 9 pola mañá por mor da montaxe e desmonte dos postos do mercado.
Desde o Concello de Baiona convidamos a veciños e visitantes a gozar dun ambiente animado, apoiar ao comercio local e participar nesta proposta que une economía, tradición e comunidade.
Concello de Baiona





