O Concello de Baiona chegou a un acordo coa plataforma dixital Meet Rural para que, como oferta de lanzamento, a creación do perfil para as empresas do noso municipio sexa gratuíta.
Meet Rural (meetrural.com) xa está en marcha en Baiona. Unha plataforma dixital que ten como obxectivo dinamizar as contornas rurais e o seu tecido empresarial, a través de diferentes iniciativas como un directorio dixital e a súa promoción a través de distintas canles, dando maior visibilidade ás empresas e os seus servizos. Ademais levarán a cabo outras accións complementarias como encontros empresariais, co obxectivo de establecer contactos e posibles colaboracións entre as empresas locais.
Dentro da plataforma terá un importante peso as empresas de experiencias turísticas, aloxamento, comercio, restauración e demais negocios vinculados ao turismo, que son o motor económico da zona. Tamén ofrece un buscador que inclúe os lugares e recursos de patrimonio cultural, natural e outras instalacións públicas, dándolles unha maior divulgación.
Meet Rural nace como unha plataforma para os municipios rurais da eurorrexión Galica – Norte de Portugal, co obxectivo de xerar sinerxias en todos eles e empeza a súa andaina en Baiona. Xunto co tecido empresarial promoverase información local, daranse a coñecer tradicións, gastronomía, patrimonio e moito máis.
“O obxectivo é que o noso municipio poida crear unha comunidade dixital da que forma parte tanto o Concello como o seu tecido empresarial, permitindo ao usuario atopar toda a información público-privada reunida nun mesmo portal”, sinala o Alcalde, Carlos Gomez Prado.
Meet Rural é un proxecto nado en Baiona e creado por dúas veciñas do municipio, que ofrece a ferramenta para que as pequenas e medianas empresas poidan competir tamén en linea.
Desde o Concello de Baiona queremos apoiar esta iniciativa chegando a un acordo para que todas as empresas, asociacións, clubs e demais entidades locais poidan crear o seu perfil básico de maneira gratuíta e así desenvolver e reforzar a súa presenza en linea participando dunha comunidade local dixital.
Os comercios e empresas de Baiona son un dos motores da economía do noso pobo. Ademais, a proximidade e o trato familiar que ofrecen aos veciños e veciñas, xunto á creación de riqueza, emprego e a fixación de poboación, incrementan o seu valor. Por iso desde a institución municipal apóiase esta proposta co fin de darlle un impulso ao comercio local a través das novas canles de comunicación animando a comprar nestes establecementos habituais, a través destes canles. Os nosos comerciantes como moitos sectores pasaron por momentos moi complicados e facer as nosas compras nestes establecementos é apostar pola riqueza e o emprego de Baiona.
Meet Rural segue evolucionando e en breve agregará novas funcionalidades, como eventos, actividades, ofertas de emprego e formación… todo iso para crear un único lugar onde buscar.
Todos os negocios, asociacións e demais entidades de Baiona que desexen aparecer na plataforma de maneira gratuíta só teñen que poñerse en contacto co equipo de Meet Rural a través do correo info@meetrural.com, de instagram (@meetrural) ou do teléfono 610 600 989.
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal