Aberto o prazo de solicitudes de participación no campamento urbano de verán gratuíto que ofrece o Concello de Baiona.
A Concellería de Cultura do Concello de Baiona acaba de abrir o prazo de solicitudes para participar no Campamento Urbano que se celebrará no mes de agosto. A actividade é gratuíta e está destinada a nenos e nenas de 5 a 12 anos.
A Concellería organiza esta actividade para ofrecer a posibilidade de que os nenos e nenas empreguen o seu tempo libre estival participando en actividades de forma organizada e planificada, a través de actividades de calidade, promovendo a corresponsabilidade, a cooperación, a educación en valores, coñecendo os espazos públicos municipais, e fomentando a convivencia.
Para a celebración das actividades establécense dúas quendas: do 1 ao 16 de agosto e do 19 ao 30 de agosto, de luns a venres de 10:30 a 13:30 horas e haberá 30 prazas por quenda.
Durante o campamento desenvolverase un programa de actividades de lecer e tempo libre planificado, con distintas clases de xogos, realizándose visitas a distintos monumentos, museos, prazas e praias da vila. A recepción dos participantes sempre terá lugar na Praza do Concello.
Os participantes deben ter entre 5 e 12 anos e unicamente optará a unha quenda, excepto no caso de que queden prazas baleiras. A solicitude pode ser individual ou múltiple (no caso de irmáns ou irmás).
As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Baiona ou na Sede electrónica ( baiona.sedelectronica.gal), xunto coa copia do DNI ou libro de familia e a copia da tarxeta sanitaria do menor e o DNI da persoa que asina a solicitude, do 3 ao 21 de xuño de 2024.
Poderán admitirse solicitudes de participación fóra deste prazo, sempre que existan prazas baleiras.
Os formularios de solicitude poden descargarse da sección “taboleiro de anuncios” da páxina web municipal (www.baiona.gal) ou ser solicitados en formato papel na oficina de Rexistro, ou no correo xuventude@baiona.gal
A adxudicación de prazas será directa no caso de que o número de solicitudes presentadas non supere ao número de prazas ofertadas. No caso contrario, as prazas adxudicaranse por sorteo.
Os nenos e nenas que non dispoñan de praza, pasarán a formar parte da lista de espera, coa finalidade de cubrir as baixas que se poidan producir.
Más información na Concellería de Cultura, ou no teléfono 986385921, ou en xuventude@baiona.gal