A Concellería de Cultura do Concello de Baiona está a xestionar os traballos de mantemento da Réplica da Carabela Pinta. A nave volverá abandonar Baiona nos próximos días, e está previsto que estea entre tres e catro semanas en dique seco.
Trátase dunha varada de mantemento rutineira, programada de acordo co protocolo do departamento. Un protocolo que contempla unha varada de mantemento en dique seco cada cinco anos, a última fíxose en 2017. Nesta ocasión, os traballos de mellora da embarcación levaránse a cabo no Estaleiro de Vigo.
“Así mesmo, e aproveitando que a embarcación se atopa en dique seco, desde o Concello de Baiona queremos aproveitar esta ocasión para a actualización da museografía da Replica da Carabela Pinta”, sinalou o Alcalde, Carlos Gómez. Quen matizou que “estes traballos levaránse a cabo con cargo ao proxecto “ Exploraterra”, unha iniciativa á que o municipio baionés adheriuse o pasado mes de febreiro e que nace co obxectivo de promover e preservar o patrimonio cultural das grandes expedicións marítimas xeográficas españolas e portuguesas da historia”.
O proxecto abarca outras áreas encamiñadas todas elas a mellorar a experiencia de coñecer o gran patrimonio histórico e cultural que ofrece a vila. Camiñarán parellas accións conxuntas entre a Concellería de Cultura e Turismo.
“Nese reto de posicionarse por diante doutros destinos desde a premisa da calidade e a dixitalización, e tamén desde a accesibilidade, aproveitarase o financiamento de “Exploraterra” para apostar pola creación de audioguías polo Roteiro Pinzoniano, pola actualización da museografía da Replica da Carabela Pinta, a mellora do acceso a este museo flotante”, finaliza Gómez Prado
A visita á réplica da Carabela Pinta é un dos grandes atractivos que ofrece a Real Villa, pola cuberta da embarcación pasa un gran número de persoas a visitar as instalacións e coñecer o seu interior que alberga un museo colombino que recrea aos membros da tripulación, os indíxenas americanos e os obxectos traídos do novo mundo.
No proxecto “ Exploraterra” participan varias institucións culturais e turísticas de España e Portugal e será executado ata decembro de 2022.
Realizado por: Marta González Pérez
Técnica de Comunicación
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal