
A Casa da Navegación de Baiona acolle a proxección gratuíta da documental “Memoria do Mar” ata o 30 de setembro en horario de martes a venres ás 12:00h. e ás 18:00h.
O documental está elaborado por trece novos participantes no Campo de Voluntariado “Memoria do Mar”, unha iniciativa da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, dentro da súa Campaña de Verán.
O documental recolle a memoria viva da tradición mariñeira de Baiona a través dos testemuños de Ángela Cedeira (Lita), Josefa González (Fina), Antonio Sánchez (Tono), Jesús Goce (Suso “O Negro”) e Eumelio Goce (Ito), protagonistas desta produción audiovisual que compartiron as súas vivencias, recordos e experiencias ligados ao mar, contribuíndo á conservación dun patrimonio inmaterial de enorme valor para a vila.
A peza audiovisual é o resultado do traballo desenvolvido ao longo das dúas semanas do campo, nas que os participantes investigaron o patrimonio marítimo de Baiona, entrevistaron á xente do mar e produciron o documental titorizados pola empresa Filmes de Pedra, e contaron coa colaboración de Guti Vilar.
A Casa das Redes foi a cooperativa que levou a cabo o campo de voluntariado.
O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, destaca que a memoria dun pobo tamén se constrúe a través das experiencias das persoas e agradece tanto ás persoas protagonistas do documental por compartir a súa memoria como aos voluntarios e voluntarias por recoller e preservar as historias da xente do mar de Baiona, deixando como legado un documental que permitirá transmitir este valioso patrimonio ás futuras xeracións.
Concello de Baiona





