O Ciclo Mestre Mateo regresa á provincia de Pontevedra e levará as proxeccións das longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do noso audiovisual ao Concello de Baiona. Deste xeito, a colaboración entre a Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra achegará o mellor do audiovisual galego recente ao público de cinco localidades, entre as que a nosa Vila foi seleccionada para acoller este ciclo de cinema.
Así, o Multiusos Mercado de Sabarís o vindeiro luns, 19 de xuño, ás 21:00hrs. acollerá a primeria das proxeccións cinematográficas e exhibirase a longametraxe ‘Live is life’ (Dani de la Torre, 2022).
Os concellos participantes exhibirán entre maio e novembro unha programación que inclúe María Casares, a muller que viviu mil vidas, Unicorn Wars e O corpo aberto, recoñecidas respectivamente como Mellor documental, Mellor longametraxe de animación e Mellor longametaxe na última edición dos Mestre Mateo, celebrada o pasado 11 de marzo.
O resto de títulos do programa son o documental A foreign song (César Souto, 2022) gañadora dos premios á Mellor longametraxe española e Mellor dirección española no pasado Festival Internacional de Cine de Xixón; o thriller Código Emperador (Jorge Coira, 2022) estreado no XXIV Festival de Málaga, onde tamén tivo a súa estrea a longametraxe Live is life (Dani de la Torre, 2022); o documental No somos nada (Javier Corcuera, 2022) estreado no Festival de Cine de San Sebastián; o filme de animación Valentina (Chelo Loureiro, 2022), gañadora do Goya á mellor longametraxe de animación na XXXVI edición dos premios da Academia Española e o documental Onde máis doe (Manane Rodríguez, 2022) estreada no OUFF – Ourense Film Festival.
Na web ciclomestremateo.gal pódese consultar toda a información do ciclo, así como as fichas das películas e a axenda de proxección.
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal