
A exposición inclúe 65 instantáneas realizadas por autores de ambas as beiras do Miño que retrataron entre o século XIX e XXI paisaxes, lugares e localidades por onde transita o itinerario que une O Porto con Santiago de Compostela.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Mocidade, José López Campos, acompañado polo Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña inauguraron hoxe no Multiusos Mercado Sabarís de Baiona a exposición “O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra”, que reúne 65 imaxes dunha trintena de fotógrafos galegos e portugueses dos séculos XIX, XX e XXI.
As instantáneas retratan a evolución histórica das realidades, das paisaxes e do patrimonio do itinerario xacobeo que transita entre a cidade do Porto e Santiago de Compostela e exhibiranse en Sabarís ata o próximo 29 de xullo.
Coa chegada a Baiona de “O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra”, a Consellería de Cultura, Lingua e Mocidade continúa a promover a circulación por outros puntos da xeografía galega de mostras que brotaron primeiramente na Cidade da Cultura de Galicia coa meta de facer a cultura accesible a toda a poboación.
Esta exposición abriu no Museo Centro Gaiás no outono de 2021 para despois viaxar ao Museo do Mar en Vigo no verán de 2022 e recalar en Tui a finais dese mesmo ano. Esta exposición ofrece unha coidada selección de 65 fotografías, tanto históricas como contemporáneas, dunha trintena de fotógrafos consagrados e tamén emerxentes, ofrecéndonos a un tempo unha visión histórica xunto a unha actual dos lugares polos que transita este itinerario xacobeo.
Baiona conta cun protagonismo especial nesta exposición, sobre todo pola radiografía emocional que realizou polas súas rúas e esquinas o fotógrafo xermano Otto Wunderlich (Stturgart, 1886-Madrid 1975).
As imaxes de Otto Wunderlich da baía de Baiona, dos seus tradicionais soportais e da tradición pesqueira retratan un municipio que, a pesar da súa plena transformación ao longo das décadas, conserva inmutable a súa íntima vinculación co espírito mariñeiro e co fenómeno das peregrinacións a Compostela.
O horario para a visita da exposición é de luns a domingo en horario de 19:00 a 22:00H
Concello de Baiona





