
O simposio está organizado polo Concello de Baiona, en colaboración coa Xunta de Galicia e o Parador Conde de Gondomar de Baiona.
O Concello de Baiona organiza os días 1 e 2 de outubro de 2026 o simposio “Osar morir da la vida”, unha cita cultural e histórica que conmemorará o 400 aniversario do falecemento do Conde de Gondomar (1626-2026), unha das figuras diplomáticas máis relevantes da historia de Galicia e da monarquía hispánica.
O encontro desenvolverase no Salón Monterreal do Parador Conde de Gondomar de Baiona e reunirá investigadores, historiadores e especialistas de distintas universidades e institucións culturais para afondar na figura de Diego Sarmiento de Acuña, Conde de Gondomar, así como no contexto político, diplomático e cultural da súa época.
Entre os relatorios previstos destacan intervencións sobre o papel diplomático do Conde de Gondomar en Inglaterra, a súa relevancia como embaixador da Coroa española, a súa relación coa literatura inglesa da época ou o valor histórico da súa correspondencia e colección documental.
Os relatorios estarán a cargo de personalidades como Porfirio Sanz Camañes, da Universidade de Castela-A Mancha, Luis Gorrochategui, do IES Francisco Aguiar, Diego Herrero, da Universidade de Valladolid, José Luis Rodríguez R. Monte de Ramo e Pablo Escapa da Real Biblioteca de Patrimonio Nacional, Fernando Bartolomeu, do IES Val Miñor, e María Luisa López Vidriero, directora da Biblioteca Real de Madrid.
A xornada complétase cunha visita guiada titulada “Os lugares do Conde” e cun concerto do Coro de Cámara “Rías Baixas”, que ofrecerá un repertorio de polifonía renacentista hispano-inglesa na Capela do Parador Conde de Gondomar.
Desde o Concello de Baiona destacan esta iniciativa impulsada polo profesor, escritor e estudioso da biografía do Conde, Fernando Bartolomeu, que pretende converterse nun espazo de divulgación histórica e reflexión cultural ao redor dunha figura crave da diplomacia europea do século XVII, reforzando ao mesmo tempo o vínculo histórico da vila coa figura do Conde de Gondomar.
Concello de Baiona





