O Concello de Baiona, a través da Concellería de Cultura, organiza un novo roteiro musical “Sons do Casco” co obxectivo fundamental de dinamizar e desestacionalizar a oferta cultural e de lecer baionesa. Este roteiro musical que terá este sábado e o domingo, 17 e 18 de xuño, leva consigo dous días repletos de música en directo na que participarán 11 grupos musicais con diferentes estilos que buscarán encher de música a Vila.
As actuacións celebraranse en seis escenarios distintos situados na Alameda Carabela Pinta, Rúa do Reloxo, Rúa Diego Carmona, Praza do Pai Fernando, a Praza Fonte de Zeta e este ano introdúcese como novidade a Praza de San Xoan. Outra das novidades desta edición e o pasarrúas nocturno a cargo dunha fanfarria que ambientará as rúas do Casco Vello desde ás 22:30 ata a medianoite do sábado.
Unha oportunidade única para gozar da música en directo nun enclave único o Centro histórico de Baiona, declarado Conxunto de Interese Histórico-Artístico pola Dirección Xeral do Patrimonio en 1993.
Con iniciativas como estas quérese participar na reactivación económica do municipio. Queremos axudar á hostalería e aos comerciantes baioneses. Con esta atractiva programación quérese seguir atraendo xente a Baiona e ofrecerlle á cuidadanía local unha alternativa de lecer distinta.
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal