Esta fin de semana o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, participou nos actos conmemorativos do 530 Aniversario de Firma das Capitulacións entre os Reis Católicos e o Almirante Cristobal Colón en Santa Fe de la Vega de Granada, municipio co que se atopa irmandado polos seus lazos históricos desde 1994.
O sábado 23 de abril ao final dos actos institucionais asinouse o chamado “Manifesto de Baiona”. Baiona, Santa Fe, Palos de la Frontera e La Gomera, rubricou o acordo do proxecto do Roteiro Colombino do Encontro entre Tres Mundos.
“Isto supón a creación dun Proxecto Turístico Internacional que conecte os Pobos Colombinos de España, Sudamérica e África. Con este proxecto ambicioso dotaremos de contido real o irmandamento”, matiza o rexedor.
Nun futuro próximo Gómez Prado adianta que “estamos a traballar para incorporar aos concellos das Palmas e o de Granada, que xa mostraron interese neste proxecto tan ambicioso”.
O mandatario quere agradecer persoalmente “ao Cabildo de San Sebastián de la Gomera e ao Goberno Insular das Illas Canarias o involucrarse desde o primeiro momento neste proxecto”. Así mesmo, “pretendemos que a Deputación de Huelva, a de Granada e a de Pontevedra aúnan forzas connosco adheríndose á iniciativa onde o seguinte paso será involucrar tamén ás administracións autonómicas e ao goberno central”.
Entre as pretensións dos Alcaldes asinantes atópase que “o proxecto sexa tratado co maior rigor histórico e cultural que se merece” polo que esperan contar coa colaboración da Universidade de La Laguna, Las Palmas, Granada, Vigo e Santiago.
En palabras do rexedor baionés: “ Un proxecto o suficientemente ambicioso e co obxectivo de converternos en patrimonio da Unesco. Os Pobos Colombinos meréceno, do mesmo xeito que o fito histórico de hai 529 anos,que cambiou a historia da humanidade e do que Baiona foi o primeiro lugar do mundo en ter coñecemento. Un encontro entre novas culturas, novas sociedades…que hai que seguir impulsando e , se cabe, implicar aínda máis ás diferentes cidades e países. Todo iso atraerá ata Baiona a creación e adaptación de novas infraestruturas tanto públicas como privadas, xerará emprego e retorno económico ademais de axudar a conseguir a desestacionalización do turismo na Villa”, finaliza.
Realizado por: Marta González Pérez
Técnica de Comunicación
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal