A MOSTRA, está financiada pola Deputación Provincial de Pontevedra e estará ubicada no Parque da Palma dende o 4 ata o 16 de xuño, ambolos dous inclusives.
O alcalde de Baiona, D. Jesús Vázquez Almuíña, e membros do equipo de goberno municipal, inauguraron ás 12:00h. no Parque da Palma a exposición ‘A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía’. Esta mostra repasa a historia deste museo e lembra o fito que supuxo nesa época conseguir mercar, restaurar e musealizar esta Casa grazas á colaboración de milleiros de persoas.
A mostra, que se pode visitar no Parque da Palma ata o 16 de xuño, está comisariada por Pepe Barro, tamén autor da museoloxía da Casa-Museo. Esta exposición fai un repaso pola historia desta Casa-Museo que se abriu ao público o 15 de xullo de 1971.
A historia da Casa de Rosalía é a historia dun logro colectivo. Pouco despois da morte de Rosalía a casa da Matanza fica baldeira. Despois de varios intentos, é mercada en 1946 por Xosé Villar Granjel e Xosé Mosquera. O Patronato Rosalía, creado en 1947, acabou sendo refuxio do galeguismo, con actos, como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación galeguista. Ata 1951 non se realizou a primeira restauración, segundo planos de Gómez Román.
Pero foi a partir da presidencia de Sixto Seco cando en 1971, baixo a dirección de Fernández-Albalat, cando se puido inaugurar como Casa-Museo o 15 de xullo dese ano. Da montaxe e dirección do Museo encárgase Xosé Filgueira Valverde.
A Casa da Matanza converteuse en Casa-Museo grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración. A partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, realizada no Pedrón de Ouro de 1970, iniciouse unha campaña na que participaron centos de persoas, de xeito particular e ás veces anónimo, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 60 concellos, varios bancos, a Federación de Caixas de Aforros, o Celta de Vigo, a Federación Galega de Ciclismo e innumerables asociacións de todo o país. Ao final, colleitouse un total de 994.043 pesetas en 1971.