O pasado venres 10 de xaneiro, o Alcalde Jesús Vázquez Almuíña e o Concelleiro de Cultura Policarpo Vilar recibiron no Arquivo Histórico e Biblioteca Pública Municipal de Baiona, a doazón dun lote de obras bibliográficas que todas elas versan sobre a vida e obra de Cristóbal Colón.
Os doantes son D. Antonio Montero Carro, coidadoso bibliófilo e ex-xerente do Consello da Cultura Galega e a súa esposa Dna. Ester Campos Rey, quen ten gran apego e amor por nosa Villa. Trátase de libros singulares, cuxa existencia é moi escasa dentro dos fondos doutras bibliotecas.
Como poden ser: “Cristóbal Colón. Descubrimento das Américas” por Alfonso de Lamartine. Publicado en español en 1867 en catro volumes ou a obra “Retrouso a Colón” de Massó Bolívar publicada en 1960 en galego e castelán pola Editorial Monterrey de Vigo. Tamén se suma a esta doazón “Vida de Honbres ilustras” VVAA. De 1941 e “O enigma de Cristóbal Colón e os descubrimentos de América” de Eslava Galán.
Estes libros, en perfecto estado de conservación xa foron aceptados tanto polo interese da temática e como pola singularidade da publicación. Pasan a formar parte do catálogo do noso Arquivo Histórico e Biblioteca Pública e incluiranse no fondo especial Fondo Arribada. Poderanse consultar na sala de lectura con cita previa.
Concello de Baiona