Existe unha festa referente do verán de Baiona e esa cita ineludible é a celebración da festa en honra á Virxe da Anunciada, que se celebrarán o 4, 5, 6 e 7 de agosto. O Concello de Baiona inicia os preparativos para celebrar unha das festas máis esperadas na Vila. Por este motivo a Concellería de Festexos e Cultura informa de que a partir deste luns, 17 de xullo, e ata o 3 de agosto estará aberto o período de inscricións para poder participar nos tradicionais xogos de cucañas marítimas e na comparsa de Xigantes e Cabezudos, enmarcados dentro do programa Baiverán 2023.
As cucañas marítimas de Baiona organízanse anualmente o primeiro domingo do mes de agosto, dentro da programación da Festa da Anunciada. Este ano o domingo coincide en día 6 de agosto, e o porto pesqueiro acollerá estas tradicionais actividades baionesas a partir das 17:00h. Poderá participar calquera persoa maior de idade e os maiores de 12 anos con autorización. Establécense dous premios: Bandeira normal (10 euros) e Bandeira especial (20 euros).
Por outra banda, tamén percorrerán nestes días festivos ás rúas da Vila a comparsa de Xigantes e Cabezudos. Abrirase tamén o día 17 de xullo o prazo para inscribirse nesta, tamén tradicional, comparsa baionesa que desfilará polas rúas do Centro histórico o sábado 5 e domingo 6 de agosto. Neste caso tamén poderán participar os maiores de 12 anos.
A comparsa de Xigantes e Cabezudos estará composta por dez cabezudos (A Ratiña, “Popeye”, Demo, Napoleón, Negro, Negra, Pallaso cabeza grande e o Pall aso de cabeza pequena, o Gato cabeza pequena e a Bruxa cabeza pequena) e dous Xigantes (Rei e Raíña), que bailarán ao son da música durante o percorrido polo casco antigo de Baiona. Establécese dous premios, Cabezudo (30 euros) e Xigante (150 euros).
As inscricións formalizaranse por rexistro de entrada no Concello ou a través da sede electrónica na páxina web www.baiona.gal, para calquera dúbida ou consulta poderán dirixirse ao Departamento de Cultura do Concello de Baiona, situado na segunda planta da casa do concello ou chamar ao 986385921.
Bases e documentación dispoñible na páxina web municipal www.baiona.gal
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal