Un total de 15 microbeléns poderanse visitar ata o próximo 9 de xaneiro no Multiusos Mercado de Sabarís. A exposición pódese ver calquera día a calquera hora xa que non fai falta entrar no edificio, a exposición vese desde fóra, desde as cristaleiras.
A Concellería de Cultura do Concello de Baiona, xunto coa asociación de empresarios de Sabarís, COEMSA, organizan este certame de microbeléns. Establécense as seguintes categorías; microbelén máis orixinal, microbelén máis laborioso, e microbelén máis popular. Este certame compleméntase coa categoría Belén familiar en domicilio particular,o cal terá un tamaño libre, estando prevista unha visita guiada aos beléns máis destacados.
En canto á categoría de microbelén máis popular, será elixido polo público mediante un sistema de votación electrónico. Poderase realizar a través do código Qr do cartel do certame. A cartelería está exposta alí mesmo no edificio, á beira dos microbeléns.
Xunto co concurso de microbeléns, comparten espazo a Exposición Colectiva Alterarte” Feira de Nadal- Enxebre” que está desde o 16 de decembro ata o 9 de xaneiro, en horario de luns a xoves de 11 a 14 h e os venres, sábados e domingos de 18 a 21 h.
Realizado por: Marta González Pérez
Técnica de Comunicación
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal