A segunda edición do Ciclo Mestre Mateo finaliza este venres 13 de outubro ás 21:00h. no Multiusos de Sabarís coa película de animación ‘Unicorn Wars’.
En Unicorn Wars, o cineasta Alberto Vázquez asina unha cinta que mediante a fantasía animada reflexiona sobre a orixe do mal. O exército osito adoutrina a novos recrutas para conducilos á guerra que iniciaron contra os unicornios porque cren que ameaza a seguridade do seu pobo. Os irmáns Azulín e Gordi, xunto a un inexperto grupo de recrutas, serán enviados a unha perigosa misión para salvar o Bosque Máxico… estarán os ositos preparados para iso?
O Ciclo Mestre Mateo regresou á provincia de Pontevedra e trouxo as proxeccións das longametraxes de ficción, animación e documentais finalistas dos premios do noso audiovisual ao Concello de Baiona. Deste xeito, a colaboración entre a Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra achegou o mellor do audiovisual galego recente ao público de cinco localidades, entre as que a nosa Vila foi seleccionada para acoller este ciclo de cinema.
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal