O Concello de Baiona opta de novo a fondos Next Generation da UE para elaborar un Plan de Sostenibilidade Turística en Destino (PSTD) cun proxecto dirixido ao casco histórico da vila.
‘Preservar o pasado, protexer o futuro: Baiona, patrimonio sostible’ é o nome do proxecto, co que o concello opta a 2,1 millóns de euros “para revitalizar o casco histórico, poñer en valor o seu patrimonio, dixitalizalo e mellorar os seus servizos”, explica o alcalde, Carlos Gómez Prado.
O concello opta a esta convocatoria, aberta polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo con fondos europeos, “para darlle continuidade ao proxecto co que fumos o primeiro municipio do Val Miñor en obter fondos Next Generation, destinado a humanizar a contorna de Santa Liberata, entre outras accións”, engade Gómez Prado.
O proxecto divídise en catro áreas estratéxicas:
1. Transición verde e sostible: inclúe a reforma e reurbanización de diferentes prazas do casco histórico; a posta en valor da rúa do Conde (trazado do Camiño de Santiago), a restauración da contorna da Santísima Trinidade, e melloras na rede de saneamento e recollida de augas (Conde, Ventura Misa, Xogo da Bola, Lorenzo de la Carrera, Do Reloxo, Diego de Carmona, San Lorenzo, San Xoán, Manuel Valverde e rúa Iglesia).
2. Eficiencia enerxética: tarefas de rehabilitación e mellora da eficiencia enerxética en varios edificios do casco, unha actuación no camiño do Cochiño, e accións para impulsar a peonalización e a camiñabilidade de varias rúas.
3. Transición dixital: despliegue da fibra óptica, introducción de sensórica (control dixital de accesos ao casco), despliegue de redes wifi municipais, e dixitalización de recursos patrimoniais e culturais.
4.- Competitividade: recuperación do comercio tradicional, artesanía e producto de proximidade; soterramento do cableado aéreo; mellora da accesibilidade coa eliminación de barreiras arquitectónicas (Porta da Villa, Barrio da Laxe, Santísima Trinidade); eliminación de grafitis, e campañas de sensibilización sobre turismo sostible para residentes e visitantes.
“Este PSTD pretende impulsar o turismo sostible e facer do noso casco histórico un espazo máis amable e seguro, con máis protagonismo para os peóns e mellorando a calidade de vida dos residentes”, asegura Gómez Prado.
“Doutra banda, búscase dotar ao centro histórico de máis servizos relacionados coa dixitalización e a eficiencia enerxética para achegarlle valor engadido; en definitiva, coas intervencións pretendemos un turismo plenamente sostible con tendencia á desestacionalización e potenciar o conxunto histórico artístico de Baiona, mellorando a peonalización, controlando os accesos a vehículos e fomentando a súa dinamización, tanto social como económica e comercial”, remata o alcalde.
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal