Esta mañá, na Casa da Navegación, a Concelleira de Cultura do Concello de Baiona Miriam Costas Iriarte fixo entrega dunha copia dixital do diario de Ramón Barreiro, cedido en depósito á Casa por José Antonio Infante García, sobriño neto do autor do diario.
Ramón Luís Barreiro, piloto naval formado en Ferrol, natural de Foz (Lugo), foi un dos protagonistas da viaxe de circunnavegación realizado en 1849 pola Corveta Ferrolá con obxectivo de servir de instrución naval pero especialmente, con función diplomática nun momento en que empezan a independizarse algunhas terras de ultramar.
Durante esta viaxe de 3 anos, Ramón Barreiro escribe o seu particular diario e ilústrao con debuxos da súa propia nave, pero tamén doutros tipos de barcos que se van atopando polos mares do mundo. Hoxe é unha peza única para coñecer desde dentro, os avatares e principais feitos dunha viaxe histórica no que se combinan informacións diversas como a navegación e o rico vocabulario, xeografía, historia, economía e sociedade.
A Casa da Navegación proxecta unha exposición para divulgar esta peza única coa experiencia do periplo de Ramón Luís Barreiro e os principais feitos relacionados.