A comisión de Entidades Alfombristas do Camiño de Santiago, con sede en Ponteareas, elixiu Baiona como representante do “Camiño Portugués pola Costa”.
Mañá sábado, 16 de xullo a partir das 9 da mañá, no “Paseo da Ribeira”, á beira da praia do mesmo nome, confeccionarase unha alfombra de flores dedicada ao “Camiño Portugues Pola Costa” con motivo do Xacobeo 21-22.
O Camiño Portugués da Costa entra en Galicia pola vila mariñeira da Guarda, tras cruzar o río Miño na súa desembocadura. Este roteiro costeiro discorre, en primeiro lugar, en dirección oeste e camiña en paralelo ao río Miño, ata chegar ao seu amplo estuario. Dominando a paisaxe atópase o monte de Santa Trega.
O roteiro camiña paralela á liña costeira, escarpada e agreste, en dirección norte. Pásase por Oia, localidade portuaria soada polo seu mosteiro cisterciense; a igrexa medieval consérvase en bo estado e precede a súa entrada cunha nobre fachada barroca. O camiño dobra o Cabo Sillero para penetrar nun territorio máis resgardado, a preciosa ría de Vigo. En primeiro lugar chégase a Baiona, vila histórica de encantadoras rúas e prazas, igrexa do século XIII, capela barroca dedicada a santa Liberata e espectacular fortaleza de Monterreal, na actualidade, parador de turismo. Foi a primeira localidade en coñecer o éxito da primeira viaxe de Colón a América, ao chegar ao seu porto a carabela Pinta o 1 de marzo de 1493.
A vila de Ponteareas, no sur da Provincia de Pontevedra, alcanzou especial renome pola celebración da festividade de Corpus Christi, onde os veciños confeccionan artísticas alfombras de flores naturais para o paso da procesión do Santísimo Sacramento
Trátase dunha obra colectiva que expresa a cultura popular das xentes de Ponteareas que, ao longo de douscentos anos, souberon conservar e promover esta celebración, recoñecida como “Festa de Interese Turístico Internacional”. É pois a festa do CORPUS CHRISTI a máis representativa de Ponteareas. Esta confección das alfombras florais serviulle a Ponteareas para ser coñecida como “A Vila do Corpus”. Pola súa historia e tradición secular Ponteareas é “O Berce do Alfombrismo Español”.
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal