A Deputación de Pontevedra leva hoxe luns 23 de decembro o circuíto +Escénicas ao Concello de Baiona co espectáculo de teatro “Aldea musical de Nadal”, de Nelson Quinteiro. A función enmárcase no novo circuíto da institución provincial que está a difundir unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025 cun orzamento de 150.000 euros.
“Aldea musical de Nadal” é unha actividade de teatro familiar e musical con percusión corporal, percusión con elementos pouco convencionais, axóuxeres, campás, campaniñas, campás afinadas e un feixe de instrumentos. Os habitantes da Aldea Musical de Nadal contarán como é a súa vida nun lugar máxico e sorprendente onde sempre é Nadal.
O arranxo polifónico das voces, a instrumentación, a súa caracterización e o emprego dunha fórmula de creación do espectáculo baseada na musicoterapia educativa leva a escena unha montaxe entrañable e tenra para as datas de Nadal.
Os habitantes da Aldea de Nadal realizarán un pasacalles pola zona vella de Baiona desde as 18:30 h e o espectáculo dará comezo ás 19:00 h na praza do Concello.
Concello de Baiona