
O vindeiro venres 17 de xullo ás 20:00h. a Casa da Navegación de Baiona acollerá a presentación do libro “La falsa gurú. Una secta desde dentro”, do autor baionés Jesús Vasconcellos Soliño.
Unha trama sobre os mecanismos de manipulación
A novela traslada ao lector ata a luminosa contorna de Mallorca para desenvolver unha inquietante historia onde as seitas, a manipulación emocional e as falsas promesas de sanación conforman o eixo central do relato. A trama arrinca cando Nekane, desesperada ao comprobar que a súa filla abandonou a súa vida anterior baixo a influencia de Nora (unha carismática líder espiritual vinculada o esoterismo e ao Reiki), recorre ás forzas de seguridade para intentar recuperala.
O axente Saúl, recentemente incorporado á Brigada de Información especializada en movementos sectarios, é o encargado de desentrañar esta complexa rede. A través da súa investigación, o autor explora como a necesidade de pertenza pode converterse nunha trampa, evidenciando os vínculos familiares rotos e os mecanismos de control que empregan estas organizacións. Cun ritmo áxil, a obra penétrase nos límites entre a espiritualidade malentendida, o poder da persuasión e a fraxilidade dos afectos humanos.
Do servizo policial á narrativa
Jesús Vasconcellos, actual subinspector da Policía Nacional na unidade Tedax-NRBQ, achega a esta obra unha perspectiva pouco común na literatura de xénero. A súa traxectoria, que comezou na Policía Local antes de orientarse ao servizo público especializado, permitiulle vivir de cercado a realidade das organizacións sectarias.
O falsa gurú non é só unha ficción; é o resultado da experiencia directa do autor en investigacións reais sobre o funcionamento destes grupos. Tras convivir con esta realidade, Vasconcellos decidiu trasladar ao papel unha visión rigorosa sobre como operan os mecanismos de dependencia emocional, ofrecendo ao lector un relato que, alén de entreter, invita á reflexión sobre as vulnerabilidades que nos fan susceptibles a ser manipulados.
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal





