O Arquivo Histórico e Biblioteca Pública Municipal de Baiona organiza o vindeiro luns 12 ás 20:30H, no multiusos Mercado de Sabarís, a presentación do libro “Arquitectura de intermediación no Val de Miñor. Cruceiros e petos de ánimas” de Antonio Soliño Troncoso e María Xosé Pérez González.
Antonio Soliño Troncoso e Anxo Rodríguez Lemos levarán a cabo dita presentación.
ANTONIO SOLIÑO TRONCOSO (A Mourisca, Gondomar 1958)
Arquitecto pola F.A.A.U.L. do Porto. Tamén, titulado en arquitectura técnica pola E.U.A.T. da Coruña.
É membro de número do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, da Ordem dos Arquitectos Portugueses -SRN- e do Colexio Oficial de Aparelladores, Arquitectos Técnicos e Enxeñeiros da Edificación de Pontevedra. Forma parte da Xunta de Goberno do IEM (Instituto de Estudos Miñoráns) dende o ano 2011.
Dentro da actividade profesional, redactou un considerable número de proxectos de arquitectura, só ou en colaboración, para os ámbitos público e privado e participou na recuperación, posta en valor, e rehabilitación de varias pezas arquitectónicas de interese histórico, etnográfico ou monumental. Neste mesmo ámbito, foi o autor da documentación e argumentación para a declaración de Ben de Interese Cultural (B.I.C.) do Pazo de Gondomar.
Ten publicado artigos dentro da temática profesional e artística en distintos medios e o interese pola conservación e divulgación do patrimonio cultural teno levado a publicar estudos específicos e a conducir diversas visitas guiadas.
É autor do libro Alfonso Soliño Troncoso. Obra plástica para o IEM 2002/2015 (2015) e coautor de Gondomar. Historia, Arte e Territorio (1995), retallos de GONDOMAR DE MIÑOR (2012), Gondomar 1914-2014. Identidade e representación da vila condal a través da evolución dunha sociedade artístico-deportiva (2014), Percorridos polo patrimonio cultural da vila e concello de Gondomar de Miñor (2018) e Arquitectura de intermediación no Val de Miñor. Cruceiros e petos de ánimas (2020).
MARÍA JOSÉ PÉREZ GONZÁLEZ (Tui, 1958)
Titulada en Maxisterio, especialidade Historia, pola CEU, Escola Universitaria de Maxisterio, Vigo.
Tras abandonar o ámbito do ensino pasa a colaborar no estudio de arquitectura de Antonio Soliño, actividade que mantén na actualidade.
É coautora dos libros Gondomar 1914-2014. Identidade e representación da vila condal a través da evolución dunha sociedade artístico-deportiva (2014) e Arquitectura de intermediación no Val de Miñor. Cruceiros e petos de ánimas (2020).
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal