O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, recibiu no Concello a un grupo de vinte estudantes do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo de Buenos Aires.
O rexedor deu a benvida aos mozos resaltando” a importancia destes proxectos internacionais, xa que á parte de servir para que se coñeza Baiona no exterior, neste caso en Arxentina, serven para afianzar os lazos entre ambos os lugares, moi unidos debido á gran cantidade de galegos, entre eles moitos baioneses e baionesas, que emigraron a este país”
Na recepción levada a cabo no Salón de Plenos municipal tamén participaron varios concelleiros do equipo de goberno.
O alumnado recibido no consistorio son estudantes do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo, o único centro que está financiado pola Xunta de Galicia fóra das fronteiras da nosa comunidade. O estudantado, na súa gran maioría descendentes de galegos, reciben clases de lingua galega así como tamén materias de cultura galega, historia de Gaicia, xeografía…
Os mozos atópanse no seu último curso de estudos antes de iniciar a universidade realizan a viaxe a Galicia como excursión de fin de curso.
Chegaron á nosa comunidade hai uns días e durante 15 días percorrerán diferentes zonas de Galicia. Xa estiveron en Santiago de Compostela e na Coruña, e prevén percorrer as catro provincias.
Despois da recepción na casa do concello de Baiona, os mozos fixeron un interesante percorrido pola Casa da Navegación da Villa, guiados polas instalacións pola directora da Casa. Así mesmo, fixeron unha visita ao museo flotante da Carabela Pinta.
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal