A Sociedade Galega de Xestores Deportivos (Agaxede) concedeu ao Concello de Baiona o premio ao mellor concello de Galicia en xestión deportiva na categoría de concellos de menos de 15.000 habitantes que concede anualmente os Premios Galicia á Xestión Deportiva.
Baiona resultou vencedora nesta categoría na undécima edición. Así o resolveu o xurado, composto por representantes de Agaxede, como promotora e organizadora, ademais de diferentes entidades, como a Secretaria Xeral para o Deporte, a Fegamp, a prensa deportiva, a Ufedega, as Facultades de Ciencias do Deporte da Coruña e de Vigo e o Colef-Galicia.
O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez, felicita a AGAXEDE polo continuo labor de promoción e impulso ao deporte que levan a cabo a nivel rexional e mostrouse “agradecido e satisfeito” ao coñecer a noticia, porque “máis aló do resultado final, constitúe un aliciente ao magnífico labor que realizan todos e cada un dos profesionais, amantes e afeccionados que directa e indirectamente están vinculados a esta área nun municipio que, como Baiona, é Deporte”.
O lema “Baiona co deporte” agrega O rexedor “é algo máis que palabras e que reflicte o esforzo que realizamos a diario neste Concello para pór ao servizo dos baioneses e baionesas, deportistas federados e non federados, amantes do deporte en xeral que temos no noso municipio”.
O galardón recoñece a Baiona como o pequeno concello galego que mellor desenvolve o potencial do seu deporte local e fomenta os hábitos de vida saudables entre os veciños e veciñas. Baiona destaca na xestión de plans ou proxectos de actividades, de espazos ou infraestruturas que contribuyna mellorar o desenvolvemento do deporte no ámbito territorial da súa competencia.
Gómez Prado agradece este galardón, que atribúe a “a profesionalidade e compromiso do equipo de persoal técnico do concello”, así como a “unha poboación cada día máis concienciada pola práctica de hábitos saudables”.
O mandatario explica que este recoñecemento reafirma “o bo camiño de Baiona no que a instalacións e actividades deportivas refírese” e destaca a gran oferta existe nestes momentos “con varios eventos consolidados e convertidos en referente”.
A gala de entrega será no Auditorio do Centro Social de Arteixo o martes, 19 de outubro, ás 20 horas. Os premios outorgados corresponden ao ano 2020, que por razóns sanitarias non puideran concederse.
Realizado por: Marta González Pérez
Técnica de Comunicación
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal