
O prazo de inscrición ábrese o próximo 1 de xuño, permitindo que todas as persoas interesadas poidan acceder a unha programación ampla e diversa.
O Concello de Baiona, en colaboración coa Asociación de Clubs, presenta este 26 de maio, os 23 Campus Deportivos CaixaBank, unha das iniciativas estivais máis consolidadas do municipio.
Os campus desenvolveranse entre o 22 de xuño e o 4 de setembro nas diferentes instalacións deportivas da vila, ofrecendo ás familias unha proposta que combina práctica deportiva, conciliación e coñecemento da contorna.
Grazas á colaboración entre o Concello de Baiona e a Asociación de Clubs, así como ao apoio económico da Fundación “a Caixa”, esta edición dará cabida a preto de 1.200 nenos ao longo do verán.
A oferta inclúe disciplinas como fútbol, baloncesto, danza, xadrez ou nutrición aplicada ao fútbol entre outros, e amplíase este ano con dúas novas actividades: pickleball e taekwondo kickboxing, reforzando así o carácter innovador e adaptado ás novas demandas.
En palabras do Alcalde, Jesus Vazquez Almuiña, “os 23 campus deportivos que acolle a nosa vila son unha mostra clara do compromiso firme deste Concello co deporte, a formación e os valores que transmite. Apostamos por unha vila activa, saudable e con oportunidades para os nosos nenos e novos, porque cremos no deporte como ferramenta de educación, convivencia e integración, alén dunha clara axuda á conciliación familiar.”
Desde o Concello de Baiona anímase a todas as familias a participar na maior oferta deportiva da contorna, consolidada como un referente tanto pola súa calidade como polo seu impacto social e educativo.
Concello de Baiona





