
A proba, patrocinada por Gran Premio Eurored – Xunta de Galicia, sera o inicio das festas patronais o vindeiro venres 31 de xullo
As festas patronais en honra á Virxe da Anunciada xa teñen a súa antesala perfecta. Este venres 31 de xullo, a baía de Baiona vestirase de gala para acoller a tradicional Regata de Gamelas (Gran Premio Eurored – Xunta de Galicia), a única proba destas características que se celebra a nivel nacional e que, ano tras ano, marca o inicio oficial dos festexos locais.
O acto de presentación oficial contou coa presenza do alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña; o delegado territorial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides; o director de operacións de Eurored, Raúl Costas; así como os concelleiros das áreas de Deportes e do Mar.
A regata de gamelas non é só unha competición deportiva; é a esencia mesma do patrimonio cultural e mariñeiro de Baiona. Única na súa modalidade a nivel nacional, esta cita rende homenaxe ás raíces do municipio e busca a máxima participación veciñal para garantir a súa remuda xeracional.
As gamelas, embarcacións tradicionais de madeira que durante séculos acompañaron aos mariñeiros nos seus labores diarios, volven á auga como tributo á historia do municipio.
Desde o Concello de Baiona e a organización faise un especial chamamento a todos os veciños e visitantes a sumarse, remar e manter viva a faísca desta tradición única. A continuidade deste legado depende do entusiasmo da xente e da implicación das novas xeracións, garantindo que o esforzo e a identidade dos antepasados sigan navegando nas augas do municipio.
En palabras do alcalde Jesús Vázquez Almuiña: “As nosas tradicións só seguen vivas se a xente as fai súas. A regata de gamelas é orgullo, é historia e é comunidade. Queremos invitar a todos a participar, a subir á gamela ou a animar desde a costa, para demostrar un ano máis que Baiona coida e celebra as súas raíces”.
O Gran Premio Eurored – Xunta de Galicia promete volver ofrecer un espectáculo visual incomparablemente ligado ao mar, axuntando a dureza do esforzo sobre o remo co ambiente festivo que caracteriza á vila.
Con este evento, Baiona inicia os seus días de celebración en honra á Virxe da Anunciada, onde o respecto pola cultura propia e a diversión irán da man.
Concello de Baiona





