
O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, xunto con membros da Corporación Municipal, recibiron no Concello a Nahia Carneiro Vieites, unha rapaza baionesa de 12 anos que levará o nome de España e o de Baiona ata o Campionato Mundial de Hip-hop en Alemaña.
Durante o emotivo encontro, o rexedor felicitouna polo seu talento e pola súa constancia, destacando o orgullo que sente toda a vila: “É unha honra para Baiona contar cunha moza tan nova, traballadora e chea de paixón, que xa fai historia no mundo do baile urbano”, sinalou Vázquez Almuiña.
Nahia é estudante do IES Sobreira e compaxina os estudos coa súa formación na Academia de Baile D.A. de Vigo, onde cultiva esa forza e disciplina que a levan a seguir medrando día a día. Forma parte dos grupos Get Dawn e Da Family, cos que conquistou importantes recoñecementos tanto dentro como fóra de Galicia.
Entre os seus principais logros destacan:
– Campioa mundial de hip-hop na categoría mega crewen Narón (A Coruña).
– Terceira no WDSF Mundial e cuarta no WDSF Europeo.
– Gañadora da competición Rock da Hause.
– Campioa da liga galega de hip-hopcon Get Dawn e múltiples triunfos con Da Family.
– Subcampioa na súa primeira participación individual na liga galega en Marín.
Con só 12 anos, Nahia é xa un exemplo de talento, entrega e ilusión. O seu camiño é unha inspiración para toda a mocidade baionesa, demostrando que os soños poden converterse en realidade cando se traballa con paixón.
O Concello de Baiona quixo trasladarlle o seu agarimo e recoñecemento, desexándolle toda a sorte nesta nova aventura internacional, na que representará con orgullo a Baiona, a Galicia e a España.
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal





