
• Os galardóns dos eventos deportivos do municipio elabóranse en cerámica, de forma totalmente artesanal e cun profundo sentido social.
• Con esta iniciativa, o consistorio promove a economía de proximidade e visibiliza a saúde mental, demostrando que o deporte é unha ferramenta clave para a integración.
Desde o Concello de Baiona deuse un paso á fronte no seu compromiso coa inclusión, a responsabilidade social e o apoio ao tecido empresarial da vila: os trofeos e medallas que se entregarán nos diferentes eventos deportivos do municipio non serán simples pezas industriais, senón obras con alma. Desde o concello confiouse a creación destes galardóns á asociación Avelaíña Saúde Mental, cuxos usuarios modelaron cada peza en cerámica baixo o exclusivo deseño de Papelier, un establecemento referente do noso comercio local.
Esta colaboración nace co obxectivo de dotar ao deporte de Baiona dunha dimensión moito máis humana e solidaria, rompendo estigmas e poñendo en valor o talento das persoas que forman parte da asociación, á vez que se potencia o talento local. Cada medalla e trofeo foi elaborado de xeito totalmente artesanal, depositando en cada proceso moito cariño, esforzo e dedicación.
O deporte como motor de transformación social e local
Con esta iniciativa, demóstrase que o deporte no municipio vai máis aló da competición, os tempos e as marcas; é, ante todo, un espazo de convivencia, un dinamizador da economía local e un motor de transformación social.
O alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, quixo destacar o dobre valor deste proxecto para a vila: “Queremos que cada deportista que suba ao podio en Baiona non só se leve un recoñecemento ao seu esforzo físico, senón tamén un anaco do corazón do noso municipio. Estes trofeos, modelados con tanto cariño polo equipo de Avelaíña Saúde Mental e deseñados co talento e a sensibilidade de Papelier, un comercio da nosa propia vila, representan os verdadeiros valores que defendemos: a superación, a inclusión, o apoio ao noso e a comunidade. É unha forma de visibilizar a saúde mental e de demostrar que, cando nos unimos e contamos co noso comercio local, somos capaces de crear cousas marabillosas. En Baiona, a parte máis social do deporte sempre estará en primeira liña.”
Artesanía, deseño de proximidade e saúde mental
O proceso de creación foi unha sinerxía perfecta de economía circular e social. O deseño conceptual e estético correu a cargo de Papelier, achegando a frescura e a calidade que caracteriza ao comercio baionés, mentres que as persoas usuarias e profesionais de Avelaíña encargáronse de darlle vida a través da cerámica nos seus talleres.
O resultado son pezas únicas que transmiten unha mensaxe clara: o valor do humano, a importancia de consumir no comercio de proximidade e a necesidade de apoiar activamente a saúde mental en todos os ámbitos da sociedade.





