
A directora xeral de Movilidad, Judit Fontela, tivo unha reunión da Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo (CEVT) do Consello Galego de Transportes, onde se abordou a solicitude dos Concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán para a creación dunha Área de Prestación Conxunta (APC) do servizo de taxi no Val Miñor, que sería a primeira de Galicia. Na reunión, na que participou tamén a directora Xeral de Administración Local, Natalia Prieto, cualificouse a iniciativa como moi positiva e avaliouse favorablemente de maneira unánime.
O obxectivo é mellorar a eficiencia e a cobertura do servizo de taxi na comarca, implantando un sistema de licenzas compartidas que permitirá ás persoas titulares operar en todo este ámbito territorial cun réxime tarifario único, paradas comúns, quendas coordinadas para garantir a cobertura continua do servizo e o mantemento dun rexistro único de licenzas, permanentemente actualizado.
Os Concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán teñen 13, 19 e 22 licenzas de taxi, respectivamente, polo que a APC do Val Miñor pasaría a dispoñer de 54 licenzas de taxi para unha poboación global superior aos 45.000 habitantes.
A solicitude para a creación da primeira APC de Galicia, situada no Val Miñor, baséase precisamente na continuidade territorial, funcional e socioeconómica dos tres concellos que a conformarán.
O órgano xestor sería a Mancomunidade de Concellos do Val Miñor, que deberá elaborar e aprobar unha Ordenanza reguladora da APC, común para os servizos de taxi dos tres concellos. A iniciativa chega ao Consello Galego de Transportes coa conformidade das organizacións sindicais e empresariais, así como das asociacións profesionais e de persoas consumidoras e usuarias con maior representatividade no ámbito.
Tras o informe favorable da Comisión Especial de Vehículos de Turismo, do Consello Galego de Transportes, a Mancomunidade de Concellos do Val Miñor deberá remitir á Dirección Xeral de Movilidad a Ordenanza reguladora da APC, unha vez aprobada polos tres concellos, para que proceda á creación da área de Prestación Conxunta.
A CEVT é un órgano especializado en transporte público en vehículos de turismo (Taxi e VTC) integrada na organización do Consello Galego de Transportes, e nela participa a Xunta a través de distintos departamentos, a Federación Galega de Municipios e Provincias, o Consello Galego de Consumidores e Usuarios, o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi), o Comité Galego de Transporte por Estrada e organizacións sindicais.
Concello de Baiona





