O Multiúsos Mercado de Sabarís acolleu esta tarde a presentación da programación “Novembro Lila”, a programación organizada pola Concellería de Igualdade, ao fronte de Yasmina Moreira Costas, co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que trae consigo un mes dedicado a actividades para sensibilizar e educar contra a violencia á muller no Concello de Baiona. A xornada estivo amenizada polas versións de pop, soul, jazz e funk de “Two in the Mirror”.
O “ Novembro Lila” conta cunha ampla programación que nesta ocasión estará marcada polo intercambio de experiencias no ámbito da igualdade entre os consistorios irmáns de Baiona e Pornic, todo iso enmarcado nos actos do “25 aniversario do Irmandamento de Baiona con Pornic”.
Este ano a Concellería de Igualdade do Concello de Baiona vai aproveitar o aniversario co irmandamento con Pornic, para abrir o círculo e integrar a mirada de artistas francesas, as cales forman parte da programación, non só expoñendo as súas pezas, senón que tamén dirixirán obradoiros para o alumnado dos centros educativos de Baiona.
Entre as actividades estrela desta edición 2022 atópase a exposición e o encotro cas artistas “Afinidades divesas”. Anne Malgogne Dumesnil “Amodu”, Brigitte Darras Dit “Bivan”, Fabbienne Alliou – Lucas, son as artistas francesas que xunto as artistas baionesas Irene Silva, Mar Caldas e Elvira Jardón exporán o seus traballos dende o 4 ata o 27 de novembro no Multiúsos Mercado de Sabarís, podendo visitarse os sábados de 16:30h a 19:00h e os domingos de 16:30h a 19:30h, unha oportunidade moi valiosa para tecer lazos e traballar en proxectos comúns no futuro. (Para visitas grupais concertar cita no teléfono 620065056)
Asimesmo, Anne Malgogne Dumesnil “Amodu”, Brigitte Darras Dit “Bivan”, Fabbienne Alliou – Lucas, son as artistas francesas que xunto coa artista baionesa Irene Silva, impartirán una serie de obradoiros para o alumnado de 1º da ESO do CPI Cova Terreña.
Mónica Sueiro, directora da Aula de Teatro de Baiona, levará o Proxecto “Tola ou subversiva?” ao alumnado de sexto de primaria dos distintos centros educativos de primaria de Baiona.
Durante todos os domingos deste mes de novembro haberá unha cita fixa ás 12:00 no Multiúsos Mercado de Sabarís. Tres de estes domingos estarán dedicados as crianzas con contacontos: Así, o domingo 6, Paula Cabreira divertirá aos máis pequenos co contacontos “Tres irmáns, tres camiños e tres grandes perigos”; o domingo 13 será a quenda de Caxoto con “Contacontos vellos, novos finais. Moito que limpar”, o último domingo do mes, o 27, Raquel Queizas será a encargada do contacontos “Travesias. Aventuras de libros”. O domingo día 20 de novembro, a cita será co teatro “Aprendendo a querer” Trinke Trinke Teatro, Isabel Risco.
O 25 N, venres, está previsto no Auditorio V Centenario o acto de conmemoración do día internacional contra a violencia de xénero.
A Concellería de Igualdade, Yasmina Moreira Costas,sinala que “O “ Novembro Lila” é un programa deseñado para loitar contra a violencia machista dende varios ámbitos da sociedade. Sensibilizamos e educamos a través da cultura e as súas diferentes expresións. Despois de varias edicións desta programación decatámonos que é unha maneira eficaz de chegar á xente, e esta maneira de facer foi exemplo e espello para outras entidades que se sumaron para seguir traballando neste eido. A pesar de todo este esforzo, semella que a violencia non cesa, pois case a diario coñecemos novos casos, non por iso imos deixar de traballar e seguir loitando contra esta situación de desigualdade”.
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal