Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, celebrado este domingo, o Concello de Baiona, a través da Concellería de Medio Ambiente, organizou unha serie de actividades co alumnado dos distintos centros de educación do municipio en colaboración co CEP, FCC E CEAMSA.
O alumnado do CPI Cova terreña e do CEIP Fontes-Baíña foi recibido polo Alcalde de Baiona, Carlos Gómez. O rexedor baionés, estivo acompañado polo Representante de CEAMSA, Jorge Trigo, do presidente da Confederación de Empresario de Pontevedra, Jorge Cebreiros, e do Alcalde de Nigrán, Juan González.
Tamén se contou coa presenza de Rosa Domínguez Roda, Concelleira de Medio Ambiente do Concello de Baiona, así como as directoras, profesores, profesoras e, por suposto, os propios escolares do CPI Cova terreña e do CEIP Fontes-Baíña., que foron os protagonistas do día.
A primeira hora da mañá, levouse a cabo unha retirada de plásticos do areal da Concheira. Con luvas para protexerse as mans, os alumnos estiveron recollendo residuos de plástico neste característico areal baionés.
Aínda que a praia parecía limpa a primeira ollada, as bolsas fóronse enchendo en poucos minutos ante a sorpresa dos estudantes, que non deixaron de limpar durante unha hora.
Moitos deles dedicáronse exclusivamente a recoller microplásticos. Estes restos pequeniños de partes máis grandes de plástico chegan ao mar e van desfacéndose co paso do tempo. Cando son redondeados e do tamaño dunha lentella chámaselles “bágoas de sirena”. Toda unha xornada de limpeza e concienciación sobre a situación do medio ambiente.
A continuación, o alumnado dos centros escolares de Baiona recibiron unha charla dirixidas a promover a concienciación ambiental e a coñecer a xestión de residuos. O obxectivo destas charlas é concienciar e implicar aos máis pequenos na correcta separación dos residuos nos distintos contedores de reciclaxe.
Un técnico de FCC, a empresa encargada do punto limpo e a recollida de residuos selectivos no municipio, foi o encargado de impartilas. Ambas as actividades organizadas por FCC.
A última das actividades consistiu noutra charla e un taller sobre a importancia do medio ambiente, unha actividade organizada nesta ocasión por CEAMSA.
Os escolares gozaron dunha xornada lectiva moi interesante na que aprenderon a importancia do coidado do medio ambiente.
A concelleira responsable da área de medio ambiente, Rosa Domínguez Roda, puxo en valor “o traballo que vén desenvolvendo nos centros educativos en materia de medio ambiente aseverando que “os nenos e nenas de Baiona serán uns adultos comprometidos co noso planeta”.
Pola súa banda, o Alcalde, Carlos Gómez Prado, na súa intervención, destacou que “este tipo de celebracións deben facernos reflexionar como sociedade sobre a importancia de coidar e protexer á nosa contorna”. Respecto diso afirmou que “todos e todas podemos contribuír a manter o noso ecosistema en mellores condicións converténdonos en axentes do cambio”. “Baiona -declarou- continuará avanzando como unha sociedade respectuosa e sostible e mostra diso son os datos de reciclaxe da nosa localidade”.
Para finalizar, o rexedor quixo felicitar á comunidade educativa polo seu compromiso para con nosa Villa asegurando que “con este acto reafirmamos a nosa preocupación pola protección e o melloramento do medio ambiente con miras a facer un mundo mellor”.
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal