O CEP Sabarís, inaugurado no curso 1972/73, conmemora este ano o seu 50 Aniversario. Para celebralo, o colexio encargou a realización dun mural conmemorativo na fachada do centro.
O artista escollido para levalo a cabo foi o deseñador, ilustrador, e ex-alumno do centro, David Sierra. “Máis aló da contrastada traxectoria profesional de David, a nós emocionábanos especialmente que o mural fose realizado por un ex alumno do colexio. É un xeito de pechar dalgunha forma o círculo, e dotar á obra dun valor sentimental importante a maiores do mérito artístico que xa de por sí ten”, comenta María Luisa Alborés Crespo, directora da escola.
A obra, que se pintou durante a primeira quincena deste mes de maio, representa o camiño ao colexio, un paseo por Sabarís a través dalgúns dos seus lugares máis recoñecibles ata chegar á escola. O nome do centro e as divertidas personaxes que fan esta viaxe completan a escena. O mural, feito dende unha ollada infantil, enche de cor e luminosidade a fachada do colexio, e ilumina a contorna do centro.
“Lembro os anos que aquí pasei con moita ledicia, foron tempos felices que quixen rememorar dalgún xeito enchendo o mural de personaxes sorrintes e de cor. Gustaríame pensar que os nenos que hoxe veñen aquí a estudar fano tan contentos como o fixen eu, e que este novo mural cheo de cor axudará un pouquiño a que iso sexa así”, afirma David Sierra, o autor.
Para el, “Ter a oportunidade de participar neste aniversario é moi especial. O traballo na rúa e a interacción cos meus veciños foi moi divertida e enriquecedora, paseino realmente ben facéndoo. Agora o meu traballo forma parte do pobo, do que foi o meu colexio e que nuns anos será tamén o do meu fillo. Pensar nel pasando polo meu mural tódolos días para ir a escola é algo que me fai realmente feliz”
O mural levouse a cabo grazas a estreita colaboración entre o Concello de Baiona e o centro educativo.
Desde o Concello de Baiona encoméndase o traballo do colexio por esta magnífica iniciativa coa que se recoñeceu tanto o papel da comunidade educativa como a importancia que este centro tivo para a parroquia de Santa Cristina da Ramallosa.
Dende a administración local destácase que entre todos e todas ao longo destas cinco décadas construíuse o gran pouso que está a deixar na sociedade baionesa este centro educativo. Tamén resáltase a función social que ten a escola pública xa que é vital para o progreso e benestar das persoas pero detrás da escola pública o máis importante non son os centros en si senón as persoas que o forman.
Desde o Concello queremos aproveitar a ocasión para felicitar a todas as xeracións de docentes pola súa labor e por contribuír a mellorar a educación e as capacidades de tantos alumnos e alumnas que neste medio século pasaron polas instalacións. Por suposto, tamén un recordo moi espefcial para todo o alumnado que se formou nestas aulas.
A realización deste mural forma parte dos actos programados polo CEP Sabarís para festexar os seus 50 anos de vida. Ademáis desta obra, celebrarase unha exposición das lembranzas destes 50 anos (Do 5 ó 11 de Xuño, no multiusos de Sabarís, en horario de 11 a 13 horas e de 17 a 20 horas) e unha festa de celebración no propio colexio (O 16 de Xuño de 19:00 a 22:00 horas), onde os antigos alumnos poderanse reencontrar cos seus vellos compañeiros e compañeiras, e desfrutar dun aperitivo e dun concerto a cargo do grupo A Patrulla. Para este último evento será necesario retirar entrada, dispoñibles a partir do 18 de maio no CEP Sabarís aboando un donativo de 15€.
Sobre David Sierra:
David Sierra é un deseñador gráfico e ilustrador Baionés nacido en Ourense.
Estudou Deseño Gráfico na Escola de Arte Antonio Faílde de Ourense e despois dun tempo traballando en diferentes axencias de deseño locais, decidiu facer as cousas de forma diferente e estableceuse pola súa conta hai 14 anos.
Comezou a ilustrar como complemento aos seus traballos de deseño. Aos poucos foi combinando ambas disciplinas ata conseguir un equilibrio entre elas que define o seu traballo. Outras das características que explican e diferencian o que fai son, por exemplo, un uso moi persoal da tipografía e o lettering, e unha sensibilidade cromática moi particular.
Gústalle contar historias con todo o que fai. Historias grandes e tolas ou pequenas anécdotas escondidas na esquina dunha ilustración, desas que tes que estar a buscar para atopalas. Poden ser fábulas simples que lle gusta inventar ou grandes historias que enriquecen a obra e contan cousas sobre ela que as palabras non poden dicir.
A modo de mostra, esta é unha selección de clientes para os que ten traballado: Unicef, Amigos de la tierra, Coca-cola, Repsol, Vodafone, Ing, Pfizer, Sacyr, Lays, Schweppes, Estrella Damm, Amstel, Abanca, Pachá, Riu Hoteles, Ajuntament de Barcelona, Deleite, Editorial Planeta, Penguin Random House, Editorial SM, Edicións Xerais, AECID.…