A Concellería de Vías e Obras ultimou nestes días o traballos de mellora nos distintos centros educativos do municipio ante o inicio do ano escolar.
Así, procedeuse a realizar traballos na Escola de Educación Infantil O Areal. Trátase da a construcción dun armario empotrado para almacenamento e organización de material de utilidade para o centro educativo. Unha solicitude realizada pola comunidade escolar que o consistorio non dubidou en materializar. Tamén se realizaron arranxos de acondicionamento nas aulas.
A isto hai que sumar as labores de roce e limpeza levadas a cabo polo departamento de Medio Ambiente do Concello de Baiona.
O Concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez Álvarez, destaca que “para ofrecer a mellor educación aos nosos fillos e as nosas fillas, non só se require dispoñer do profesorado preciso e dos medios necesarios para que ninguén quede atrás por cuestións económicas, senón que ademais unha educación de calidade require unhas instalacións acordes, para o que non só é necesario investir en novos colexios e institutos, senón tamén en poñer ao día a rede de centros públicos”.
Pola súa banda, o Alcalde, Carlos Gómez Prado, lembra que, dentro das competencias municipais en virtude da Lei de Bases de Réxime Local, o Concello de Baiona é o responsable do mantemento dos colexios de cidade, “e precisamente, esa foi unha das prioridades deste Equipo de Goberno, a mellora dos colexios públicos do municipio”. Nesta liña, sinala o alcalde que desde o primeiro orzamento que elaborou este Equipo de Goberno “incluímos partidas de investimento para acometer importantes obras de infraestruturas nestes edificios de titularidade autonómica, pero de mantemento municipal, traballos que se realizan escoitando aos equipos directivos dos centros para priorizar as actuacións máis urxentes e necesarias”.
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal