O Concello de Baiona informa do remate das obras de renovación da pista polideportiva do CEIP de Belesar, dando resposta ás demandas dos pais e a comunidade educativa.
“Renovouse por completo a pista cunha nova capa de formigón, posteriormente puliuse e pintouse para que se poidan practicar varios deportes, como fútbol-sala e baloncesto”, explica o concelleiro de Obras de Baiona, Óscar Martínez.
O investimento nestes traballos foi de 25.000 euros. Aínda que o concello non ten competencias directas en materia de ensino, si realiza tarefas para manter os centros en boas condicións. “O ensino público de calidade é unha das prioridades deste equipo de goberno”, asegura o alcalde, Carlos Gómez Prado.
Así queda demostrado coas diferentes partidas de investimento para obras nos edificios neste mandato municipal, “uns traballos que se realizan escoitando aos equipos directivos dos centros para priorizar as actuacións máis urxentes e necesarias”.
Seguindo este obxectivo, realizáronse traballos no CEIP Fontes-Baíña (accesibilidade, pintado de aulas, equipación e novas instalacións), e mellorouse o vial de acceso entre o espazo das aulas de Educación Infantil co resto de infraestruturas que conforman o Colexio de Cova Terreña, onde tamén se renovaron as pistas multideportivas exteriores.
Tamén realizáronse traballos na Escola de Educación Infantil O Areal e, no caso do CEIP Fontes-Baíña, o concello realizou ademais as xestións necesarias para que a Xunta solventase unha das principais reivindicacións das familias coa estrea da iluminación no pavillón deportivo cuberto. Era unha débeda histórica, xa co anterior goberno municipal.
Á marxe das obras, o Concello de Baiona quere agradecer o esforzo diario da comunidade educativa local, traballando moi duro para formar aos nenos e nenas da vila.