O CPI de Cova Terreña celebra a súa V edición da Semana da Ciencia, entre o 5 e o 9 de maio, con senllas xornadas de portas abertas para que as familias poidan visitar a exposición en horario de tarde de 16h a 18h, o luns 5 e o mércores 7.
Seguimos dándolle visibilidade ao traballo do alumnado e do profesorado en prol dunha disciplina que mostrou nos últimos anos a enorme importancia que ten para toda a sociedade: a Ciencia. A interdisciplinariedad da mostra achega tamén sinerxias entre as distintas materias, o que enriquece o proceso de ensino – aprendizaxe.
Os distintos traballos realizados abarcan campos moi diversos da Bioloxía, a Física, a Tecnoloxía e mesmo as Matemáticas. Mención especial merece os espazos dedicados a Jules Verne, autor do lema do centro deste curso “Todo o que é imposible, queda por lograr” ao redor do cal vira as actividades do curso escolar.
A lingua, en moitas ocasións total e inxustamente afastada da Ciencia, ten un papel principal na exposición. Así, o idioma vehicular da mostra é o galego, co cal se pretende poñer en valor a súa utilidade á hora de transmitir coñecementos científicos.
A exposición non pretende ser só unha canle de difusión dos traballos realizados, senón que serve tamén como un foco de novos coñecementos. Para tal fin, os visitantes teñen á súa disposición cuestionarios adaptados ás distintas etapas educativas da escola, aos que se pode acceder a través de códigos QR.
Ademais, e de fronte futuras edicións, hai un espazo onde se poden deixar impresións e comentarios, moi importantes para unha correcta retroalimentación, xa que o obxectivo non é só aprender, senón tamén gozar da experiencia.
Dende o Concello de Baiona queremos fomentar a celebración deste evento no cal, alumnos do CPI de Cova Terreña presentan proxectos sobre áreas específicas que fomentan a difusión da ciencia e a oportunidade de mostrar aos seus compañeiros e pais, os seus coñecementos sobre os mesmos.
Concello de Baiona