O Concello de Baiona puxo en marcha na primavera do 2021 o programa ‘Vincúlate’, un proxecto pioneiro de intervención con animais para menores de entre 9 e 18 anos que comeza agora o seu terceiro ano de actividade.
‘Vincúlate’ ten un dobre obxectivo: mellorar as distintas funcións sociais, emocionais e cognitivas dos participantes, así como proporcionarlles pautas saudables de comunicación, e, por outra, conseguir familias para os cans do proxecto.
“Os 30 rapaces e rapazas que hai sempre en ‘Vincúlate’ chegan derivados polo noso departamento, os centros educativos ou dos pediatras”, explica Arantxa Rial, coordinadora do proxecto e responsable do Servizo de Educación e Apoio Familiar do Concello de Baiona.
“O proxecto propón que cada rapaz ou rapaza apadriñe un can, o adestre e o acompañe no proceso de ser acollido por unha familia, e durante este proceso, de forma paralela e cun programa de actividades, os menores traballan a súa intelixencia e comunicación emocional”, afirma o alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado.
Olalla Vergara, de ADA Intervenciones, é a persoa responsable de desenvolver o programa e tamén é a persoa encargada de escoller os cans da protectora Os Palleiros.
As sesións son os martes e xoves pola tarde divididos en dous grupos por idade, con cans que pasaron ademais probas por parte da Facultade de veterinaria de Lugo e recibiron técnicas de adestramento básicas.
“Con diferentes actividades, máis lúdicas no caso dos pequenos, os nenos e adolescentes collen responsabilidades, aprenden a socializar e compartir, e tamén a despedirse cando os cans marchan cunha familia”, afirma Rial.
Implicación da vila
Baiona está moi implicada con ‘Vincúlate’, coa colaboración de empresas locais para actividades como os paseos en bicicleta, pádel surf e as visitas ao autolavado de mascotas.
“Cada día ten máis visibilidade, os rapaces explican o que fan nos centros educativos, hai encontros en establecementos de hostalería e tamén participa Avelaíña nunha sesión mensual”, engade o alcalde.
Fora de Baiona, os mozos e mozas de máis idade de ‘Vincúlate’ participaron en sesións do programa de ‘Rural Hackers’ de deseño e programación de páxinas web no Anceu Coliving e Coworking en Ponte Candelas, e algunhos deles fixeron una parte do Camiño de Santiago.
“Os resultados son moi satisfactorios, cunha moi boa resposta por parte dos rapaces e as súas familias; obtiveron este ano unha Mención Especial na Gala de Deporte de Baiona e estaban moi contentos, ven tamén que o seu esforzo obtén recompensas”, remata Rial.