O Concello de Baiona levará a cabo o cambio de luminarias tradicionais na vía pública por lámpadas LED. Procederase á substitución de 468 puntos de luz de diferentes viais da Vila por tecnoloxía LED. As obras da iluminación supoñen unha inversión de 123,180 euros e levaranse a cabo nestes días con fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), da Deputación de Pontevedra e con fondos propios do Concello de Baiona
A Concellería de Electricidade do consistorio municipal, que dirixe o edil Óscar Martínez Álvarez, está a cambiar as luminarias de varias zonas da localidade a tecnoloxía Led para así reducir o consumo de enerxía eléctrica na iluminación pública.
“Este proxecto vai supoñer un importante aforro de enerxía e un aforro económico ao ano. Ademais, a substitución destas luminarias «fai máis sostibles a contorna, melloran a calidade da iluminación e reducen os custos de mantemento da instalación», xa que as luminarias de tecnoloxía Led teñen unha vida útil máis longa, son máis eficientes energéticamente e permiten unha regulación instantánea do fluxo lumínico”, explica o concelleiro
Por outra banda, cabe destacar que este aforro supoñerá unha “diminución das emisións de gases” de efecto invernadoiro á atmosfera e unha diminución da contaminación lumínica.
O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, destaca que “o obxectivo é seguir coas melloras enerxéticas no municipio e dar continuidade á instalación de tecnoloxía led. Así se mellorará a eficiencia enerxética, substituíndo as luminarias desfasadas existentes por outras con mellor rendemento que supoñen un consumo de enerxía máis reducido e respectuoso co medio ambiente. Esta actuación busca unha mellora para as persoas usuarias diarias destes viais e para o Concello, que logrará reducir o consumo de electricidade máis dun 80% e reducir o gasto da luz que soporta o concello mensualmente”.
Esta nova substitución de luminarias por tecnoloxía Led súmase ás numerosas actuacións realizadas en diferentes zonas da localidade dentro deste plan de mellora da iluminación pública da localidade coa actualización de luminarias por tecnoloxía LED.
Rúas con Led
As rúas e camiños onde se levarán a cabo os cambios, son: A rúa Celavella, Camiño das Revoltas, Cabreiro e Camiño O Sinal en Baredo. En Fontes-Baíña, no Camiño das Chans, Camiño da Costa e no vial principal de acceso ao barrio. No Camiño da Granxa e no Camiño do Sobreiro en Belesar. En Santa Cristina da Ramallosa no Camiño As Fontiñas, na Rúa Sabarís Xuncal, no Camiño Dúas Canas, no Camiño Alborada e no Outeiro. En Baiona no Camiño do Pino Manso, no Camiño Rolán, no barrio da Anunciada e no Camiño Barxiela.
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal