O Concello de Baiona continúa co seu plan para mellorar a iluminación pública da localidade. Nese sentido, procedeuse á substitución de 40 puntos de luz en “O Burgo” por tecnoloxía LED. As obras da iluminación están a levarse a cabo nestes días con fondos propios e con persoal do concello.
O Concelleiro, Óscar Martínez, á fronte da concellería de iluminación pública, destaca que “O estado actual da rede de iluminación pública está totalmente desactualizada, existindo unha gran cantidade de lámpadas de gran consumo. Neste caso en concreto, había 40 luminarias cun consumo de 70 W en sodio que se están substituíndo por unhas cun consumo unitario de 30 W de LED. O cambio a tecnoloxía led ten como obxectivo conseguir unha iluminación de maior calidade, unha maior eficiencia enerxética e un aforro de enerxía”.
O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, destacou que o obxectivo é seguir coas melloras enerxéticas no municipio e dar continuidade á instalación de tecnoloxía led. Así se mellorará a eficiencia enerxética, substituíndo as luminarias desfasadas existentes por outras con mellor rendemento que supoñen un consumo de enerxía máis reducido e respectuoso co medio ambiente. Esta actuación busca unha mellora para os usuarios diarios deste vial e para o Concello, que logrará reducir o consumo de electricidade ata un 70% e reducir o gasto da luz que soporta o concello mensualmente”.
Realizado por: Marta González Pérez
Técnica de Comunicación
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal