“Era un compromiso que adquirín cos representantes dos traballadores e hoxe faise realidade, adaptando as súas condicións laborais ao funcionamento actual da administración”, asegura o alcalde, Carlos Gómez Prado
Baiona, 7 de decembro de 2022. O salón de pleno do Concello de Baiona foi esta mañá o escenario da sinatura do Convenio municipal de funcionarios e o Acordo regulador dos traballadores, o primeiro desde hai 27 anos xa que o anterior estaba vixente desde 1995.
“É un día importante, como alcalde adquirín un compromiso cos sindicatos que hoxe facemos realidade, adaptando as condicións de traballo no concello ao funcionamento actual da administración”, explica o alcalde, Carlos Gómez Prado.
Este documento é ademais o paso previo á elaboración da Relación de Postos de Traballo (RPT), no que o concello e os sindicatos traballarán nos próximos meses.
O convenio asinado hoxe afecta a numerosos aspectos, como a regulación dos horarios dos funcionarios e o resto de traballadores do concello, ou a actualización das axudas e permisos aos que teñen dereito. En definitiva, unha actualización dos dereitos e deberes da plantilla municipal.
“Trátase de actualizar o funcionamento do concello e dos seus traballadores, tendo en conta como son a día de hoxe as administracións locais”, engade o alcalde, que agradece “a colaboración e o traballo conxunto cos sindicatos e a concellería de Recursos Humanos para asinar este convenio”.