
O alumnado traballador do Programa de Emprego “Piedras do Miñor III” (cofinanciado con fondos europeos) realizou unha visita formativa ás instalacións da antiga Escola de Canteiros do Poio, actualmente coñecida como Centro Integrado de Formación Profesional de Cantería de Galicia (CIFP).
Durante a xornada, os participantes puideron coñecer de primeira man as técnicas tradicionais e modernas aplicadas ao traballo da pedra, así como os recursos formativos que ofrece o centro, referente no ámbito da cantería a nivel galego.
A actividade enmárcase dentro do itinerario de formación práctica do programa, que busca fomentar a empregabilidade a través da aprendizaxe en sectores con arraigamento na comarca e permitiu ao alumnado establecer contacto con profesionais do sector, explorar posibles saídas laborais e reforzar o vínculo entre formación e patrimonio cultural galego.
O Concello de Baiona destaca o valor deste tipo de experiencias para enriquecer o proceso de aprendizaxe e achegar ao alumnado a contornos reais de traballo.
Concello de Baiona





