
Trátase de adornos de tamaño mediano-xigante con material reciclado
O Concello de Baiona informa de que xa está aberto o prazo de inscrición para participar na IV edición do Concurso de Decoración de Adornos de Nadal de tamaño Medio-Xigante elaborados con materiais reciclados.
A proposta invita os veciños, ao comercio local e ás entidades sociais a transformar materiais reciclados en auténticas obras decorativas, creando un ambiente festivo e sostible nas rúas e prazas da nosa vila durante as festas do Nadal.
Esta iniciativa, xa consolidada dentro da programación do Bainadal, ten como obxectivo promover a creatividade, a participación cidadá e o respecto polo medio ambiente, impulsando valores como reciclar, reducir e reutilizar; en resumo, un Nadal máis sostible.
“Este certame é moito máis que un concurso, é unha oportunidade para traballar entre amigos, veciños e familiares, compartir ilusión e contribuír á beleza e ao espírito do noso Nadal”, sinala o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, “Queremos que Baiona volva ser un exemplo de participación, creatividade e conciencia ambiental”, finaliza.
O concurso establece dúas categorías de participación:
Categoría A: Asociacións culturais, sociais, deportivas, veciñais, comunidades de montes ou augas, AMPAS, centros educativos regrados e non regrados, escolas de danza, música e idiomas.
Categoría B: Comercio e hostalería local, grupos informais e cidadáns particulares.
O Concello establece premios que van desde os 100€ aos 800€ para cada unha das categorías, e ademais como novidade este ano, no caso de que algún premio quede deserto, distribuirase o montante sobrante entre os participantes que non obtivesen premio de xeito equitativo en concepto de axuda por participación, que non poderá superar os 100€ por participante.
As decoracións expóñense nas rúas de Baiona, entre o 23 de novembro e o 2 de decembro, e permanecerán expostas ata o 6 de xaneiro de 2027. O Concello asignará os espazos dispoñibles e facilitará un punto de luz para cada instalación que o necesite.
As persoas interesadas en participar poderán formalizar a súa solicitude na Oficina de Rexistro do Concello de Baiona ou a través da Sede electrónica municipal ata o 15 de novembro de 2026.
Concello de Baiona
Anexo I. Asociacións e Entidades
Solicitude certame de decoración de nadal con materiais de refugallo 2026-2027





