
A vila de Baiona festexa o Día das Letras Galegas hoxe sábado 23 de maio de 2026 coa celebración do XIII Festival Baidemuiñeiras, unha cita xa consolidada no calendario cultural do municipio e organizada pola Asociación Folclórica Vila de Baiona e o Concello de Baiona, en colaboración coa Asociación de Empresarios e Comerciantes de Baiona (ACEBA).
O evento desenvólvese no Paseo de Pinzón e reúne a veciños e visitantes ao redor da música e do baile tradicional galego, nunha xornada pensada para poñer en valor a cultura popular e celebrar a lingua galega.
Este festival nace precisamente co obxectivo de conmemorar o Día das Letras Galegas na vila, converténdose ao longo das súas trece edicións nun referente do folclore tradicional na comarca.
A programación comeza ás 17:00 horas cun pasarruas que partirá desde o Porto Pesqueiro de Baiona ata a zona peonil da rúa Carabela Pinta. Alí, os grupos participantes interpretarán varias pezas conxuntas antes de continuar o percorrido ata o Paseo de Pinzón, onde ás 17.30 horas dará comezo o festival.
Nesta edición participan como grupos invitados “Airiños do Río Grande”, “Foliada de Salto” e o “Grupo de Danzas Folclóricas Amor Ruibal”. Xunto a eles actuarán tamén as entidades locais anfitrioas: a Asociación Cultural “A Seneira”, as “Pandereteiras de Monteboi” e a “Asociación Folclórica Vila de Baiona”.
Desde o Concello de Baiona destácase a importancia de manter vivas as tradicións galegas e animan a toda a cidadanía a participar nunha tarde de convivencia, música e cultura tradicional galega ao aire libre.
Concello de Baiona





