O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, a concelleira de Medio ambiente, Xardíns, Festexos e Mocidade, Ruth Álvarez González, xunto co presidente da Asociación Galega de Fibrose Quística, Juan Da Silva, inauguraron no día de hoxe a exposición sobre a Fibrose Quística “La historia interminable que puede cambiar” no recibidor do Concello de Baiona. Exposición que estivo no Congreso dos Deputados no 2020 e que percorreu toda España en diferentes formatos.
A exposición poderase visitar ata o domingo 8 de setembro, día de conmemoración a nivel mundial do descubrimento do xene da Fibrose Quística que permitiu a chegada de tratamentos innovadores que están a mellorar considerablemente a calidade de vida de gran parte do colectivo. Ademais durante este domingo a asociación ten un programa de diferentes actividades durante todo o día na praza do Concello grazas á súa colaboración dentro do Baiverán.
A Asociación Galega de Fibrose Quística organiza en Baiona unha gala solidaria polo Día Mundial da FQ
Este domingo, 8 de setembro a partir das 10:00 horas desde a Praza do Concello de Baiona, a Asociación Galega de Fibrose Quística organiza a Gala do Día Mundial da Fibrose Quística. Durante esta xornada, a entidade programou diferentes actividades que se desenvolverán ao aire libre ao longo da xornada, cunha ampla oferta deportiva, lúdica e de lecer, co obxectivo de dar visibilidade á fibrose quística, fomentar o exercicio físico e compartir esta data co resto da comunidade.
A xornada comezará ás 10:00 horas coa organización dunha camiñada solidaria en colaboración co Club Cornelios Marqués de Vizhoja. As persoas interesadas en participar poden inscribirse a través da páxina web da entidade: www.fqgalicia.org ou o mesmo día ata 10 minutos antes da saída na mesa da asociación, onde tamén estarán dispoñibles rifas solidarias. Estas rifas permitirán participar nos sorteos que se realizarán ás 13:00 horas e ás 20:30 horas. Estes sorteos son posibles grazas á solidariedade dos colaboradores do evento, que un ano máis quixeron participar e achegar o seu granito de area. Entre os premios sorteados haberá un televisor Smart TV de 32″, unha cea, unha mariscada, roupa, lentes de sol, quebracabezas, un xamón e moitos outros agasallos.
Desde as 10:00 horas, Eventos Rey Midas organizará actividades para nenos e nenas con inchables e un espectáculo de maxia, seguido ás 12:30 horas pola actuación de Xoves Cantantes. Os asistentes poderán pousar no photocall solidario que estará dispoñible desde as 12:30 horas e, pola tarde, a partir das 16:30 horas haberá música a cargo de pasacalles, para dar paso á compañía Inventi Teatro que interpretará a obra “Las palabras perdidas” ás 17 horas.
A tarde continuará cunha sesión de Zumba dirixida por Bruno Hermida, a interpretación de cancións de toda unha vida a cargo de Pablo Alonso, unha demostración de baile en colaboración con Dando La nota, e finalizará con máis sorteos de agasallos. O peche deste día será ás 21:00 horas coa actuación de Carla Lourdes Band.
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal