O Concello de Baiona aposta por segundo ano consecutivo por un Nadal máis sostible. As Concellerías de Medio Ambiente, Festexos e Comercio convocan unha nova edición do Concurso de Adornos de Nadal de tamaño xigante – mediano con materiais reciclados, para ambientar as rúas e prazas da nosa vila.
Este ano, establecéronse tres categorías de participación, incrementándose os premios respecto a a edición anterior: unha destinada ás asociacións do municipio; outra destinada a institucións e centros educativos regrados e non regrados: escolas de danza, música, idiomas, e unha terceira destinada a comercio e hostalería local, grupos informais e cidadáns particulares.
En canto aos premios para cada unha das tres categorías van desde os 800€ o primeiro premio, o 2º de 400€, o 3º de 200€ e o 4º e 5º de 100€. O obxectivo é promover e incentivar a creatividade e implicar á poboación e a todos os sectores da sociedade baionesa na decoración do Nadal coa premisa ambiental de RECICLAR, REDUCIR E REUTILIZAR.
O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, e a Concelleira de Festexos e Medio Ambiente, Ruth Álvarez González, sinalan que “Se trata de tomar conciencia sobre a cantidade de residuos diarios que xeramos coa consecuente problemática ambiental, comprendendo o valor de evitar consumos innecesarios e promovendo a procura e descubrimento de posibles solucións alternativas aos adornos tradicionais”. Así mesmo, destacan que “Tamén é unha oportunidade de traballar en familia, en colaboración cos veciños e veciñas das distintas asociacións, entre os compañeiros dos centros educativos da vila e ao mesmo tempo, animan á veciñanza para participar neste proxecto para facer do Nadal baionés un exemplo de sustentabilidade e boas prácticas de reciclaxe”.
As figuras e adornos estarán expostos durante os meses de decembro e principios de xaneiro o que contribuirá a crear un ambiente do Nadal orixinal e vistoso na vila de Baiona.
A inscrición para participar, realizarase na Oficina de Rexistro do Concello ou a través da Sede electrónica ata o 2 de decembro de 2024 e para calquera dúbida ou aclaración sobre o concurso, os participantes poden dirixirse ao teléfono 986385921.
Concello de Baiona
Solicitud participación Certamen